Será a primeira vez que se leve o sector da sidricultura á feira
O Concello da Estrada vai presentar na Feira Internacional de Turismo (FITUR) a Ruta da Sidra, converténdoa nunha das principais apostas turísticas do municipio. A feira arranca este mércores e celébrase en Madrid.
Será na tarde do propio mércores cando a presenten no stand do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA). O xoves ao mediodía farano no de Galicia. O encargado de presentala será o propio alcalde estradense, Gonzalo Louzao.
“Queremos que a sidra na Estrada sexa un baluarte económico para A Estrada os 365 días do ano, podendo coñecer os distintos momentos da mazá, ademais de permitir aos visitantes unha conexión coa natureza, co noso turismo rural e tamén con todo o noso patrimonio histórico e cultural”, sinalou o mandatario sobre esta ruta que prevén sinalizar por completo neste 2026.
Será a primeira vez que a sidricultura estradense teña o seu espazo en FITUR. Segundo Louzao Dono, isto é “unha aposta polo turismo da sidra, non só porque A Estrada sexa a capital da sidra no noroeste peninsular, senón tamén porque presumimos da nosa Feira da Sidra e do peso que ten o sector da mazá ecolóxica e a proliferación de lagares no noso territorio”.
Varios representantes do sector estarán presentes na presentación do xoves. Asemade, esa mesma xornada o Concello da Estrada estará referenciado no stand de Turismo Asturias, onde se presentarán o proxecto “Caminos de la Sidra”, no que se integra este concello.
Ruta da Sidra
O percorrido, duns 50 quilómetros, está pensado para realizar en coche e discorre entre pomares, lagares e elementos patrimoniais. A ruta parte da casa consistorial da Estrada, diríxese cara Aguións e cruza o río Liñares pola Ponte Nogueira, onde xa comezan a aparecer os primeiros pomares. Continúa por Moreira, Ancorados, Agar, Olives, Pardemarín, Ribela e Callobre, entre outras parroquias, salpicada de antigas plantacións que testemuñan a longa tradición sidreira destas terras.
Imaxe de portada: Vaso de sidra da última edición da Feira da Sidra // Concello da Estrada

Deixar un comentario