En xuño xa apareceran fendas na zona que se derrubou

En xuño xa apareceran fendas na zona que se derrubou

Antes do corremento de terra xa se estaba instalando nova infraestrutura eléctrica

No mes de xuño, segundo denuncian veciños de San Miguel de Castro, xa apareceran fendas no chan da zona na que se produciu este sábado un corremento de terra. Ademais, xa se estaban instalando novas torres eléctricas.

Segundo comentan os veciños da parroquia, no verán tívose que traballar nese punto despois de que aparecesen as fendas, pero coas inxentes cantidades de auga acumuladas nas últimas semanas rematou por ceder o terreo.

En canto á infraestrutura, apareceron fendas no camiño que conecta Adoufe co resto de San Miguel de Castro. Aos veciños dese lugar, que quedaran incomunicados pola caída dos cables sobre a estrada, habilitóuselles unha zona de paso pola canteira.

Do mesmo xeito, estase a traballar nunha pista que conecta Adoufe coa zona do castelo de Cira, no veciño concello de Silleda, para que poidan pasar por ela. Este camiño xa existente atópase en malas condicións polo paso do tempo e polas chuvias. Ademais, non estaba asfaltado.

En canto á infraestrutura eléctrica, antes de que se producise o corremento de terra xa se estaban colocando novas torres debido ao mal estado no que se atopaba parte da infraestrutura caída.

Todos os veciños contan con subministro eléctrico tras colocarse varios grupos electróxenos. Cando se produciu o corremento de terra só quedaron sen electricidade un cento de veciños grazas a que parte da subministración da parroquia recíbese dende Arnois e dende Cira.

Os veciños mostran a súa preocupación sobre o que poida pasar nas vindeiras semanas, posto que as previsións amosan precipitacións continuadas e, de producirse novos corrementos, o cemiterio e a igrexa atópanse próximos á canteira.

Comentarios

One response to “En xuño xa apareceran fendas na zona que se derrubou”

  1. Avatar de Construirán un muro de contención para evitar novos desprendementos próximos ao camiño de Adoufe – Xornal da Estrada

    […] o alcalde visitou a estrada cortada na que, tal e como xa avanzou este medio no seu momento, apareceron fendas despois do corremento de terras. Ademais, reuniuse cos veciños para coñecer se teñen algunha outra necesidade ou […]

    Gústame

Deixa unha resposta a Construirán un muro de contención para evitar novos desprendementos próximos ao camiño de Adoufe – Xornal da Estrada Cancelar a resposta