Sete predios da parcelaria de Codeseda pasarán a ser de titularidade municipal

Sete predios da parcelaria de Codeseda pasarán a ser de titularidade municipal

Este xoves celebrouse unha reunión da Xunta Local da Zona de Concentración Parcelaria de Codeseda, tendo como escenario a Sala de Xuntas do Concello da Estrada. Presidiuna o xefe provincial de Medio Rural, Antonio Crespo, e estivo sobre a mesa a cesión de terreo á administración local.

Nela resolveuse por unanimidade que se cedesen sete predios ao Concello. Na contorna da capela da Grela un dos terreos pasará a mans municipais para destinalo a usos relixiosos. Outra das parcelas empregarase para a construción de zona verde e de uso recreativo e unha terceira destinarase a depósito de abastecemento de auga e rehabilitación dun muíño existente.

Outras tres fincas de menor tamaño destinaranse á carga e descarga de madeira, co fin de realizar mantemento e conservación da ETAP de Codeseda. “Son zonas que quedarían un pouco en mans de ninguén e ten sentido que o Concello pida destinalas a estes fins, o cal tamén o obriga ao seu correcto mantemento”, explicou a concelleira de Urbanismo e representante do Concello nesta reunión, Amalia Goldar, quen tamén sinalou que este acordo enmárcase nos pasos finais deste proceso de concentración parcelaria.

Imaxe de portada: reunión // Concello da Estrada

Comentarios

Deixar un comentario