O concelleiro de Servizos Municipais, Óscar Durán, denunciou que dende o 30 de setembro o cadeado que impide o acceso á praia de Porta Pousada tiveron que ser repostos en tres ocasións tras ser rotos. Ademais, engade, teríanse retirado adrede os carteis que informan que o recinto permanece pechado dende o remate de setembro.
“Resulta realmente curioso que usuarios da praia fluvial de Liñares, que ao parecer acostuman a visitar este recinto fóra da tempada estival, se queixen do estado de conservación desta área recreativa cando están accedendo a ela nun momento no que non está autorizado o paso porque, sinxelamente, está pechada ao público dende o 30 de setembro”, asegurou Durán. Engadiu que o lixo ao que fai referencia non estaba cando se pechou o espazo ao público.
Do mesmo xeito, indicou que co peche colocouse un cadeado, roto xa en tres ocasións, así como carteis informando de que o período de apertura remataba o 30 de setembro, que terían sido retirados de forma deliberada, segundo apunta. “A praia fluvial está oficialmente pechada; outra cousa é que, logo de que alguén rebentase a fechadura, fose posible entrar”, sinalou.
Durán informou de que se dará aviso aos servizos correspondentes para retirar o lixo e repor o cadeado para inhabilitar o acceso. Asemade, pediu civismo á veciñanza e comentou que o recinto non abrirá as súas portas ata o 23 de xuño, momento no que arrancará a tempada de baño. O período con socorrista prolongarase ata o 6 de setembro e, despois, valorarase a posibilidade de manter o recinto aberto ata o remate do mes.
Imaxe de portada: praia fluvial de Liñares // Xornal da Estrada

Deixa unha resposta