Este martes foron anunciados os finalistas de tres das categorías da segunda edición dos Premios Rebumbio. Súmanse así aos nominados a Estradense do Ano nas redes, a única categoría na que será o público e non o xurado profesional o encargado de decidir o gañador ou gañadora.
Na categoría de Mellor uso do galego en redes sociais os finalistas son A Riala Taberna, a marca de galletas artesás Namoreiras e Valenciaga Catering. En canto ao Mellor uso do humor como recuso comunicativo compiten a conta de memes Unvalonocastroloureiro – que repite nominación nesta categoría -, Thebes e Irmáns Picaño. Por último, os finalistas á Mellor difusión de negocio local en redes sociais son Óptica Nova Visión, Pintaletras e a Piscina Agasp.
As categorías que quedan por desvelar os finalistas son os de Mellor comunicación deportiva, Mellor proposta educativa e Mellor iniciativa cultural. Do mesmo xeito, aínda non se coñece cal é o Momento Rebumbio do ano, único galardón que entregan de xeito directo Actual Comunicación, empresa organizadora do certame.
O xurado que se encargou de decidir quen levará os premios en cada categoría formárono Fran Brea, redactor de La Voz de Galicia Delegación Barbanza, Chus Aldariz, experta en comunicación e directora de Dual Web Media, e Kike Vázquez, técnico de Cultura do Concello da Estrada.
Voto do público
A gran novidade deste ano é que o público será quen decida quen leva o Premio ao Estradense do Ano nas redes. Están nominados Hostaleiros da Estrada, AGADEA, a asociación Imaxina e Axuda, Sinfancia Lactante, Madeira no Losada, Emerxencias A Estrada e Darlle Bolo. A votación está aberta e pódese facer a través da web dos propios premios (https://premiosrebumbio.com/).
A gala de entrega dos galardóns celebrarase o vindeiro xoves 16 ás 20.00 horas no MOME. Estará conducida por Pablo García.


Deixa unha resposta