Xa se está montando a carpa na que se celebrará · A súa celebración coincidirá co Día das Letras Galegas
Este luns comezou a montaxe da carpa que albergará máis dunha decena de eventos ao longo do vindeiro mes. A estrea producirase co Latexo Fest o vindeiro venres. Un dos principais eventos será a Festa do Salmón, que coincidirá cos actos polo Día das Letras Galegas.
Na Festa do Salmón participarán 18 hostaleiros, que este ano contarán cunha pequena axuda do sector privado. Segundo explicou o concelleiro de Promoción Económica, Óscar Durán, a firma Vegalsa-Eroski solicitou colaborar na festa gastronómica. Dende o Concello intentaron que o apoio chegue de xeito directo aos hostaleiros, polo que cada un deles recibirá un vale de 60 euros para consumir nos establecementos da firma de supermercados.
Segundo comentou Durán, outras firmas tamén estarían interesadas en colaborar, aínda que as súas propostas aínda están en fase de estudo.
Día das Letras Galegas
O festexo do Salmón coincidirá co das Letras Galegas. Como os actos pola Festa do Salmón comezan ás 12.00 horas — será o pregón e a imposición do Salmón de Ouro no Teatro Principal –, foi necesario adiantar o pregón das Letras.
Será ás 11.00 horas na ubicación de todos os anos, no monolito que lembra a Marcial Valladares (alameda, ao carón do Palco da Música), o único estradense ao que, polo de agora lle adicaron este día. Alí lerase o pregón nun acto musicado pola Banda de Gaitas de Barbude.
A pregoeira será a actriz e presentadora Neves Rodríguez, quen asegurou sentirse “honrada por ter sido escollida pregoeira do Día das Letras 2026 na Estrada”. Dado que agora traballa en Radio Estrada, onde presenta o magazine É de mañá, quixo destacar a aposta pola cultura que fai o Concello ao longo do ano e que este ten unha emisora de radio que emite en galego.
Por iso, dixo, “teño aínda máis motivos para, a través deste pregón, destacar a importancia de coidarmos da lingua, da cultura e proxectar no futuro o legado que nos deixou a homenaxeada deste ano, Begoña Caamaño”.
A carpa
A carpa que se está instalando diante do Concello será máis grande ca a do ano pasado. Terá 800 metros cadrados (dimensión de 40×20 metros). A súa estrea terá lugar o vindeiro venres ás 23.00 horas co Latexo Fest, no que estará Kiko Rivera. Ademais deste festival e da Festa do Salmón, acollerá un concerto de Mondra (16 de maio), o Festival dos Arrieiriños (23 de maio) ou a Feira da Sidra (6 de xuño), entre outros eventos.
Imaxe de portada: montaxe da carpa // Concello da Estrada


Deixa unha resposta