Tamén neste artigo
Cada 28 de agosto Requián convértese no punto de referencia da contorna. Milleiros de persoas peregrinan ata o santuario deste lugar da parroquia de Frades. Algúns fano por tradición, outros por primeira vez, pero todos van parar a un mesmo lugar: a Romaría dos Milagres de Requián.
A chuvia foi respectando bastante a xornada ata que chegou un dos momentos máis importantes: a procesión. Saían da carpa instalada diante da capela a cruz, catro estandartes, o San Xurxo de San Xurxo de Vea — que por primeira vez participaba na romaría –, Santa Bárbara, a Virxe da Piedade e a Virxe dos Milagres de Requián. Todo transcorría con normalidade ata que a cruz chegou á altura do cruceiro situado na parte traseira do santuario. Nese intre, comezou a chover, polo que a procesión tivo que facerse a un ritmo máis rápido do que levaba.
Este ano tamén serviu para ser solidarios. No posto de recordos vendíanse produtos chegados dende Costa de Marfil. Tróuxoos unha monxa do país, convidada polo cura de Requián, Martín Ananí Kouassi, e todo o recaudado irá para axudar alá. Outra parte dos produtos que se venderon foron para axudar á igrexa. Entre eles destacan calendarios deste ano que contan coa imaxe da virxe. Das 400 unidades que había, pasadas ás 13.00 horas quedaban unha decena.
Apertura do curso político
A Romaría dos Milagres tamén ten a súa vertente política. O PP local ten como tradición abrir o curso político peregrinando a Requián. Gonzalo Louzao, Lucía Seoane e José López Campos foron os encargados de facelo.
A historia desta tradición remóntase ao 2011, cando Solicita Douro, “unha persoa que tiñamos moi querida en toda a candidatura”, segundo dixo Louzao, “tíñanos ofrecido que se gañabamos as eleccións [as primeiras nas que López Campos conseguiu ser alcalde] tiñamos que vir á misa a Requián”. Non só foron á misa, senón que tamén fixeron o camiño a pé e remataron instaurándoo coma unha tradición.
O actual rexedor lembrou que durante moitos anos concellos limítrofes como Valga ou Pontecesures tiñan como festivo local o 28 de agosto pola Romaría dos Milagres. Alegrouse porque cada vez os Milagres de Requián teñen máis presenza na Estrada, especialmente tendo en conta que os estradenses son máis devotos polos de Amil.
Sobre o camiño que fixo dende A Estrada ata Requián, comentou que “todo o mundo nos di que non podemos comparar as pernas de José [López Campos] e miñas coas do resto, din que non temos o mesmo mérito”. Asegurou que “levouse moi ben”.
Tamén falou doutra tradición que teñen o actual conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude mais el. “Collimos un amuleto que levamos sempre no móbil, que é a estampa da Virxe dos Milagres, que como dicimos José mais eu, mal non nos fai”, explicou. Esa estampa renóvana cada ano.
Horas antes, a Procesión das Candeas
Este xoves, ao remate da novena, tivo lugar a Procesión das Candeas. Numerosos fieis participaron nela. Esta foi, xunto a presenza de santos doutras parroquias, unha das novidades da romaría.
A romaría, en fotos

































Deixa unha resposta