Faise de cara á nova distribución que entrará en funcionamento o 5 de novembro
O Concello da Estrada informou de que a vindeira semana veciños de diferentes zonas do municipio poderán sufrir interferencias no sinal de televisión. Estas implicarán que teñan que resintonizar os seus televisores. Deberanse ao proceso de evolución tecnolóxica da Televisión Dixital Terrestre (TDT) que está facendo a Xunta de Galicia de cara á nova distribución que entrará en funcionamento o 5 de novembro e coa que chegará unha nova canle de televisión.
O martes 1 de setembro actuarán nos centros de extensión de cobertura de Arca e Ouzande. O mércores 2 os traballos afectarán ao centro de Ponte Ulla (Vedra), dende onde reciben sinal algúns puntos do municipio.
Segundo os cálculos de cobertura feitos pola Xunta de Galicia, vivendas de diferentes puntos de Arca, Codeseda, Nigoi, Souto, Tabeirós, Ouzande, Guimarei, Lagartóns e Arnois. Noutras zonas que non se citaron mais que tamén reciben o sinal televisivo dende os centros de Arca, Ouzande e Ponte Ulla poderían verse afectados.
Se acontece, resintonice
O concelleiro de Novas Tecnoloxias, Manuel Magariños, chamou á tranquilidade. “Se despois do cambio algunha canle deixa de aparecer no televisor, non debemos pensar que se estragou a televisión ou que a antena deixou de funcionar. Simplemente cambiaron as frecuencias polas que se reciben esas canles”, explicou.
No caso de acontecer, “o que hai que facer é moi sinxelo: entrar no menú do televisor e realizar unha busca automática de canles”. Engade que, unha vez fagamos a nova sintonización, as canles poden aparecer nunha orde diferente á que estaban, polo que terán que recolocalas. Só no caso de que despois de resintonizala continúe dando erro o fallo poderíase deber á antena ou á televisión.
Isto non suporá unha redución de canles que podemos ver. De feito, faise para poder amplialo. Coas novas frecuencias poderán ver as canles dos grupos RTVE (La 1, La 2, Clan, 24 horas e Teledeporte), Atresmedia (Antena 3, laSexta, Nova, Neox e Mega), Mediaset (Telecinco, Cuatro, Boing, Energy, FDF e BeMad) e CSAG (TVG e G2), así como outras canles como Trece, Squirrel, Squirrel 2 e Veo7.
Estes traballos fanse de cara á nova distribución que, segundo está previsto, entrará en funcionamento o 5 de novembro. Con ela, chegará unha nova canle de televisión aos fogares de toda España: La Séptima.


Deixa unha resposta