Publicidade

‘Foise no vento’: teatro para achegarse ao alzhéimer con outra perspectiva

Se o pasado venres A Estrada camiñaba da man de Agadea polo alzhéimer, este mércores presentouse a obra Foise no vento. Interpretada pola Escola Municipal de Artes Escénicas (EMAE), escrita por Toño Pena e dirixida por Xosé Lueiro, permitirá achegar ao público o alzhéimer.

O director da peza, Xosé Lueiro, comentou que a obra “trata de visibilizar o alzhéimer”. Engadiu que “quixemos poñer o noso gran de area nese labor de concienciación social”. Farano dende “unha visión vitalista” do alzhéimer intentando “enternder a enfermidade para entender o enferno”. “É un espectáculo que debería ver todo o mundo para deixar de facer o que facemos habitualmente, que é mirar cara outra parte”, asegurou Lueiro.

O autor de Foise no vento, Toño Pena, mostrouse orgulloso de poder “visibilizar as enfermidades mentais, que parece que son a gran lacra deste século” e o traballo das persoas que coidan de persoas con alzhéimer. “Espero que a xente acolla con gusto este texto que foi elaborado con moitísima ilusión”, desexou. Comentou que a peza non só busca dar visibilidade á enfermidade, senón que tamén darlla “a todos os satélites que xiran ao redor deste astro que é a persoa enferma”.

A protagonista da obra, Begoña Sánchez, comentou que “tanto os compañeiros coma min estamos tratanto o tema. Para algúns é máis descoñecido e estamos afondando nel”. Engadiu que o tratan “con todo o respecto, cariño e toda a sensibilidade”. Recoñeceu que é unha obra “un pouco complicada pero fáisenos bonita”.

Pola súa banda, a presidenta de Agadea, Isabel Gey, comentou que o teatro axuda a previr en gran medida as demencias. “Nós temos actividade de teatro entre a xente que está recén diagnosticada nesa primeira fase”, informou.

As entradas estarán a venda dende luns no departamento de Cultura do Concello da Estrada. Custarán cinco euros. A obra representarase o sábado 3 de outubro ás 20.00 horas no Teatro Principal da Estrada.

Máis proxectos co teatro

O vencellamento de Agadea co teatro non quedará ahí. Isabel Gey quixo agradecer á EMAE a teatralización da andaina Camiños da Memoria. “Tocástelo [o alzhéimer] dun xeito moi sinxelo, ao principio nin falástedes da palabra alzhéimer”, afirmou.

Relatou un momento vivido na andaina que di, nunca lle pasara. “Achegóuseme unha señora e díxome ‘non te coñezo, pero miña nai hai dous anos que faleceu e miña nai foi moi feliz no Centro de Día. E teño que agradecervos a Agadea que esteades aquí na Estrada’”, comentou.

“Sempre quixen facer teatro para os nenos” co que achegarlles “unha obra de teatro na que se fale sen nada tráxico”, dixo Gey. Este proxecto poderíase facer coa colaboración dos centros educativos.

Imaxe de portada: presentación de Foise no vento // Concello da Estrada

Comentarios

Deixa unha resposta