Catro equipos estradenses xogaron este domingo os seus respectivos partidos de liga. O denominador común foi que todos perderon. Nin Estradense, nin Spor Team, nin Vea, nin Berres foron quen de sumar puntos.
O Estradense visitou o campo do Céltiga, na Illa de Arousa. Os locais venceron grazas a un dobrete de Francisco López, quen marcou nos minutos 28 e 87. Agora mesmo, o Estradense é 13º.
O Manuel Regueiro acolleu o partido entre o Sport Team Estrada e o Abanqueiro. Todos os goles foron na primeira parte. Sería no minuto 16 cando Ángel Piñeiro poñía por diante aos visitantes. No 37 Fran Castro conseguía igualar o partido. A piques de comezar o descanso Jorge Teira sentenciaba o encontro a favor do Abanqueiro. O SP Estrada segue último na liga.
O Vea recibiu unha nova goleada. O Agolada foi quen de marcarlle catro goles. O primeiro golpe asestouno Cristian Fernández no minuto 12. Seguiríano, xa na segunda parte, o gol de Daniel Saco (57′) e o dobrete de Alexandre Currás (73′ e 76′). O Vea mantense na última posición da clasificación.
O gol máis rápido recibiuno o Berres no seu primeiro partido de liga. Diego Cangas, xogador do Bandeira, marcaba o primeiro tanto de penalti cando levaban dous minutos de xogo. No 45 Iván Jácome marcaba o segundo. O Berres conseguiría marcar cun penalti no minuto 51. Sería Luis Sánchez o encargado de poñer o 2-1 definitivo no marcador. Atópase noveno en liga.


Deixa unha resposta