Os traballos realizados polo alumnado-traballador do Obradoiro de Emprego A Estrada Emprega Foresta permitiron deixar ao descuberto e poñer en valor varios elementos patrimoniais da Estrada. Están vencellados á paisaxe tradicional e á memoria local e permanecían ocultados por vexetación e terra. Apareceron nas parroquias de Barbude e Moreira.
En Transmonte (Barbude) os labores de limpeza e roza foron acompañados pola retirada de terra. Deste xeito, quedaron ao descuberto un lavadoiro tradicional e unha antiga calzada. En Moreira permitiron deixar á vista unha fonte e un camiño empedrado. Deste xeito, pódense pór en valor elementos patrimoniais ocultas, amais de facilitar o seu coñecemento e conservación.
O Obradoiro de Emprego combina a formación e capacitación profesional do alumnado con actuacións de mellora, limpeza e acondicionamento de espazos públicos e naturais do municipio. Nas últimas semanas actuaron nas contornas de centros educativos, a Praza e Carballeira da Feira e a Rúa da Cultura. Nas vindeiras semanas os traballos centraranse na contorna do centro de saúde de Souto de Vea e a Carballeira da Sagrada, en Codeseda.
Imaxe de portada: camiño de pedra en Moreira // Concello da Estrada


Deixa unha resposta