Publicidade

A Asociación de Medios en Galego organiza un ciclo de encontros sobre os medios do futuro

selective focus photography of magazines

A Asociación de Medios en Galego (AMEGA) celebrará o ciclo de encontros ‘Os medios do futuro comezan nas aulas’. Percorrerán as tres universidades galegas. Servirá para abordar o presente e futuro dos medios de comunicación nun contexto no que a intelixencia artificial, os novos hábitos de consumo, as redes sociais e os cambios nos modelos de negocio serán un factor a ter en conta. Estará patrocinado pola Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia.

O ciclo comeza o mércores 14 na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade da Coruña. O econtro, titulado ‘150 anos do Tío Marcos da Portela’, abordará o nacemento do xornalismo en galego e o papel que xogaron os medios durante estes 150 anos na normalización lingüística e na sociedade galega. Participarán o catedrático da Universidade de Santiago de Compostela Xosé López García e os xornalistas Xurxo Salgado Teijido, de Galicia Confidencial, e Silvia Carregal Martínez, de As Nosas e Ártabra Comunicación.

O xoves 15 a Universidade de Santiago de Compostela acollerá o encontro ‘Begoña Caamaño e as mulleres nos medios en galego’. Participarán Ana Romaní Blanco, da Real Academia Galega; Lucía Junquera Pazos, do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia; e Laura Moure Miguélez, de Ecos da Comarca. Seguindo o percorrido das pioneiras do xornalismo galego e o legado de Begoña Caamaño poderase afondar en cuestións como a igualdade nas redaccións, o liderado feminino, os nesgos de xénero e a representación das mulleres nos medios.

O último encontro, titulado ‘Os medios en galego ante os novos retos da comunicación’, terá lugar o luns 19 na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Vigo, en Pontevedra. No faladoiro estarán o profesor da Universidade de Vigo Xosé Baamonde Silva, a profesora da Universidade de Santiago de Compostela María Cruz Negreira Rey, o representante do Consello da Cultura Galega Manuel Gago Mariño e a xornalista de GCiencia Laura Filloy Martínez. Abordarán como debe ser o medio do futuro que precisan as novas xeracións, tocando conceptos como a confianza, a proximidade, a especialización e as novas narrativas.

Comentarios

Deixa unha resposta

Descubre máis desde Xornal da Estrada

Subscríbete agora para seguir lendo e obter acceso ao arquivo completo.

Seguir lendo