Veciños da zona e o BNG están en contra · O Concello estudará posibles alegacións · Tres casas estarán a menos de 30 metros · A escola infantil e o xulgado situaranse a 32 metros dela
A posible instalación dunha gasolineira na Avenida da Torre está provocando o rexeitamento de veciños da zona e do BNG. Pola súa banda, o Concello anunciou que estudará posibles alegacións pola súa proximidade a edificacións públicas. Esta estación de servizo, promovida por Urban Strada SL, estará a menos de 30 metros de tres casas e a escasos 32 metros da escola infantil e do xulgado. O prazo de alegación está aberto.
A estación de servizo contará cun depósito subterráneo compartimentado de 100.000 litros de combustible. Concretamente, 40.000 serán de gasolina e 60.000 de gasóleo A. Terá dous surtidores e a entrada e saída de vehículos, incluídos os camións cisterna que repoñan o combustible, farase pola Avenida da Torre.
A superficie da gasolineira será de 520 metros cadrados. Se se ten en conta outras parcelas colindantes que forman parte do proxecto, chegando ata a Avenida Benito Vigo e incluíndo a edificación da que forma parte, entre outros comercios, a cafetería Baiuca, a superficie total do proxecto é de 1638 metros cadrados.
As edificacións máis próximas serán edificios da Avenida da Torre. Segundo recolle o proxecto, estará a 12,36 metros do portal número 8; a 17,33 metros do número 6; a 23,39 metros do número 4; e a 38,67 metros do número 2. O proxecto tamén inclúe a distancia respecto á escola infantil, que é de 32,06 metros. Non contempla a distancia ata o edificio xudicial, que nin sequera aparece nas imaxes satelitais. Segundo cáculos feitos por este medio, a distancia sería duns 32 metros. Atoparase a 110 metros do centro de saúde.
Este proxecto levou a que moitos cidadáns da zona se achegasen hoxe ao Concello da Estrada para manifestar a súa inquedanza. O Concello asignou este martes o expediente aos servizos técnicos municipais para determinar a posibilidade de presentar alegacións municipais “que protexan os servizos públicos e o interese xeral”, segundo sinala o Concello nunha nota de prensa.
O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, sinalou que o Goberno local está “moi pendente de informarse e informar á cidadanía sobre todos os detalles deste proxecto”. “Comprendemos perfectamente a preocupación veciñal, especialmente pola proximidade de equipamentos tan sensibles como a Escola Infantil. Por iso, os nosos técnicos xa están analizando a documentación ao detalle para valorar a formulación de alegacións”, engadiu.
Dende o BNG, o seu candidato á Alcaldía, Marcos Borrageros, tamén se manifestou en contra. “Esta é unha cuestión elemental de seguranza. Unha estación de servizo, por moitas medidas que se lle apliquen, almacena e manipula produtos inflamábeis. E non se pode permitir que se faga ao carón dunha escola infantil, dun centro de saúde e dun xulgado”, asegurou. Sinalou as diferentes medidas de seguridade como unha mostra de que “o risco existe” e engadiu que “a mellor medida de prevención é non instalar a gasolineira nese sitio”.
Borrageros engadiu que a apertura desta gasolineira suporía un problema de seguridade viaria ao situarse nas marxes da N-640. “A entrada e saída constante de vehículos, a chegada de camións cisterna para descargar combustible e o tránsito en horario continuo nunha zona con tanta actividade xeran un risco engadido que non se pode obviar”.
O prazo para alegar remata o 22
O prazo para alegar comezou a principios de mes, mais non se coñeceu de forma pública ata esta fin de semana. O prazo para presentar alegacións remata o vindeiro xoves 22. O alcalde, Gonzalo Louzao, animou a todos os cidadáns a que presenten alegacións. “É o momento de que a cidadanía presente as alegacións que considere convenientes. É fundamental para que o trámite aberto poida recoller todas as consideracións e teña en conta todos os enfoques e sensibilidades antes de tomar unha decisión”, dixo.
Dende o Concello sinalaron que a súa función será a de ser o máis esixentes posible no control técnico para garantir que calquera actuación respecte de xeito escrupuloso a normativa vixente e o benestar na contorna.
Imaxe de portada: mapa do proxecto da gasolineira da Baiuca // Xornal da Estrada


Deixa unha resposta