Publicidade

O PSOE alegará contra a gasolineira da Baiuca pola súa proximidade á escola infantil

O PSOE anunciou este xoves que presentarán unha alegación contra a gasolineira que se pretende instalar na Avenida da Torre. O voceiro socialista, Luis López Bueno, asegurou que, se ben no PXOM non se permite a construción dunha gasolineira alí, o Real Decreto-lei do ano 2000 no que se amparan dende Urban Strada SL permítelles construíla. Pola contra, a regulación autonómica en materia de escolas infantís podería ser quen de tombar o proxecto.

López Bueno asegurou que “parece un emprazamento bastante comprometido para unha actividade sometida a avaliación e control ambiental” ao atoparse tan próximo á escola infantil, o xulgado e o centro de saúde. Dixo que estiveron buscando a fórmula xurídica que poida “poñer en apuros ao proxecto”.

Explicou que a normativa sectorial deste tipo de instalacións é “ultrapermisiva” e fai que o PXOM “sexa papel mollado”, pois foi avalada polas sentenzas do Tribunal Supremo STS 172/2019 e 147/2020. “Co PXOM na man, non hai nada que facer: nin sequera regula distancias mínimas, e aínda que o regulase, daría igual”, indicou.

Engadiu que descartaron outras vías. Plantexáronse recorrer ao heliporto, pero ao ser de propiedade privada non hai afección aeronáutica de AESA. Tampouco os posibles gases de benceno serían unha vía por contar cuns sistemas de recuperación de gases. A última vía descartada é a da posible conxestión do tráfico, que “parece ter un percorrido moi escaso”.

López Bueno dixo só ver viable empregar a normativa galega sobre Centros de Atención á Infancia (Decreto 329/2005). O socialista citou o artigo 20.1 do decreto, no que se indica que as escolas infantís deben estar “afastadas” das actividades molestas, insalubres, nocivas e perigosas.

Se ben as gasolineiras estaban consideradas Actividade Perigosa, en 2013 en Galicia derogouse coa Lei 9/2013, que supera esa clasificación para establecer un “Catálogo de actividades sometidas a incidencia ambiental” entre as que figuran “Gasolineiras e estacións de servizo”.

O socialista asegurou que alegarán empregando como motivo a proximidade da escola infantil á nova estación de servizo. “Unha gasolineira nova non pode atentar contra as condicións fixadas para a Escola Infantil por unha Lei Galega”, sinalou. Advertiu que “esta fundamentación xurídica non é unha garantía, pero corresponderalle á avaliación ambiental da Xunta de Galicia dicir se unha Escola Infantil situada a 30 metros dunha gasolineira está cerca ou está lonxe”, pois non se establece unha distancia mínima.

Comentarios

Deixa unha resposta

Descubre máis desde Xornal da Estrada

Subscríbete agora para seguir lendo e obter acceso ao arquivo completo.

Seguir lendo