Publicidade

A presentación do libro sobre Xesús Mayo reborda o teleclub de San Xiao de Vea

Hai persoas que marcan a outras persoas. Algunhas marcan tanto que deixan unha pegada moi fonda en varias parroquias. Ese é o caso de Xesús Mayo Brenlla, quen foi homenaxeado na tarde deste venres na San Xiao de Vea.

Foi nun acto que superou as expectativas de afluencia, chegando a quedar moita xente de pé. Media hora antes da hora de inicio prevista máis dunha ducia de persoas xa se atopaban no interior do teleclub da parroquia agardando a que comezase.

Nel presentouse o libro Jesús Mayo Brenlla. Un cura rural, no que se repasa todo o que fixo o párroco dende a súa chegada a San Xiao de Vea en 1963. Un libro redactado por Pepe Bustelo, veciño da parroquia, para o que “revisamos documentación que el ten, que é moita”. “Parécenos que el dinamizou que eran impresionantes vistas hoxe e inimaxinables naquel momento. Foron unhas etapas maravillosas”, engadiu o autor.

O escritor Pepe Carballude sinalou que “nos anos 70 os curas eran distantes, era como ver o moucho”, mais curas coma os de Callobre e o propio Xesús Mayo, facía que el quixese ser desas parroquias. Dixo que “foron curas moi adiantados”.

Xesús Mayo contou que, dende a súa chegada á parroquia, tivo “dúas etapas” na súa vida. Unha que vai dende 1963 ata 1971, que corresponde ao “momento de maior desenvolvemento da parroquia”. Daquela época é unha das súas frases máis célebres: “facer que fagan, non facer eu”. Lembrou o apoio que tivo do Concilio e de organismos oficiais civís. A segunda etapa comezar no 1971. Estivo marcada pola emigración e foi a época na que se converteu nun dos primeiros orientadores en centros educativos que tivo A Estrada.

O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, apuntou que “é a voz da experiencia”. Revelou que “algunha decisión que tomou o Concello foi el o responsable”. “A implicación súa foi algo moi importante. Don Xesús soubo moi ben cal era o horizonte e foi quen de unir ás persoas”, asegurou.

O secretario xeral de Lingua, Valentín García, contou que, agora que vive en Santiago, Xesús Mayo vaino visitar asiduamente ao seu despacho. Como as escaleiras para acceder son esvaradías coa choiva, o garda de seguridade, que xa o coñece, recoméndalle subir polo ascensor, mais o párroco, comentou García, segue subindo polas escaleiras porque “o ascensor é para os vellos”.

O arzobispo de Santiago, Francisco José Prieto, referiuse aos asistentes porque “sodes cada unha das letras, puntos, comas e frases que forman parte deste libro. A historia de d Xesús está feita por vós”.

O acto rematou con Pepe Carballude lendo o primeiro poema que escribiu. Foi un soneto creado para a ocasión co que quixo homenaxear a Xesús Mayo.

Comentarios

Deixa unha resposta

Descubre máis desde Xornal da Estrada

Subscríbete agora para seguir lendo e obter acceso ao arquivo completo.

Seguir lendo