O Salón do Vehículo Clásico contará con dous autobuses de película

O Salón do Vehículo Clásico contará con dous autobuses de película

Serán un dos grandes atractivos da dobre cita feiral desta fin de semana

Este sábado 13 e domingo 14 o Recinto Feiral da Estrada acollerá a 71ª Feira de Antigüidades e Artesanía e o 12º Salón do Vehículo Clásico. Ambos días poderanse visitar de 11.00 a 20.00 horas e a mesma entrada servirá para entrar os dous días, ademais de participar nos sorteos do domingo.

O Salón Motor Classic ocupará dous dos tres pavillóns e contará cun mercadiño de pezas, recambios, accesorios e complementos do motor. A exposición de vehículos clásicos terá, principalmente, coches, tractores e autobuses, aínda que tamén se exhibirán motocicletas e bicicletas.

Entre os autobuses destacarán dous de Rías Baixas. Un é un Pegaso Comet 5061 do ano 1963, fabricado para que os traballadores de Iberia trasladasen aos pasaxeiros dende a terminal do aeroporto Madrid-Barajas ata o avión. En 1973 adquiriuno a empresa Cuiña e utilizouse na gravación de filmes como “Todo es silencio”, “Vivir es fácil con los ojos cerrados” e “Un hombre de acción”.

O outro autocar é un Setra S-100 de 1968 fabricado en Alemaña. Foi un modelo de luxo na súa época e representativo do deseño e a tecnoloxía punteira dos anos sesenta. Apareceu en películas como “Cariñena” e “Vino del mar”.

Os visitantes que se acheguen nos seus vehículos clásicos (automóviles, motocicletas ou bicicletas) contarán cun aparcadoiro específico dentro do propio recinto e terán acceso gratuíto á mostra. Durante a mañá do sábado, amais, o Club 127 Galicia exporá no exterior do recinto 40 vehículos clásicos desta marca e modelo.

No tocante á Feira de Antigüidades, o pavillón 6 acollerá vintecinco firmas expositoras. Poderáse atopar mobiliario, porcelana, numismática, libros, decoración, ferramentas e apeiros de labranza, entre outros.

Imaxe de portada: Pegaso Comet 5061 (esquerda) e Setra S-100 (dereita) no Recinto Feiral // cedida

Comentarios

Deixar un comentario