Xornal da Estrada consegue máis de 2000 novos seguidores nun ano

Xornal da Estrada consegue máis de 2000 novos seguidores nun ano

No último ano naceron espazos como Xornal Semanal ou Politicando

Xornal da Estrada celebra este 12 de decembro o seu segundo aniversario, unha data á que chega continuando co seu crecemento. Isto prodúcese nun ano no que o medio dou o salto á información comarcal.

Entre decembro de 2024 e novembro de 2025 Xornal da Estrada promediou uns 8.135 visitantes mensuais na súa web, principal espazo deste medio de información local.

As redes sociais do xornal continúan a medrar. Nos últimos 12 meses Xornal da Estrada duplicou o seu número de seguidores tras gañar máis de 2.000.

Entre decembro de 2024 e novembro de 2025 490 persoas comezaron a seguir ao Xornal da Estrada en Facebook, chegando ás 1570, e os contidos publicados nesta rede conseguiron 1,67 millóns de visualizacións.

En Instagram gañou 574 seguidores entre o 11 de xaneiro e o 30 de novembro, chegando a un total de 1453. Ademais, entre o 16 de maio e o 30 de novembro conseguíronse 655,5 mil visualizacións.

Sen lugar a dúbidas, o máis destacado foi o crecemento en TikTok, onde a prácrica totalidade dos seguidores conseguíronse desde finais de marzo. Desde o 1 de abril ata o 30 de novembro a cifra de seguidores aumentou dos 77 aos 1020 ou, o que é o mesmo, conseguíronse 943 seguidores en 8 meses.

A todo isto habería que sumarlle outras redes con menor relevancia, como poden ser X, Threads e as canles de WhatsApp e Telegram, que tamén medraron en canto a seguidores nos últimos 365 días.

Asemade, no último ano Xornal da Estrada chegou a máis concellos coa apertura do seu apartado comarcal. Os máis destacados son os de Forcarei e, especialmente, o de Cuntis.

Aposta por novas marcas

Nos últimos 365 días foron xurdindo novas marcas vencelladas ao Xornal da Estrada. Xornal Semanal, o espazo en vídeo coas noticias máis destacadas da semana fará nuns días o seu primeiro aniversario. Tras un parón que comezou en xullo, a marca recuperouse o pasado domingo.

Os artigos de opinión gañaron un gran protagonismo nos últimos meses coa marca Politicando, onde cada semana un membro dun dos catro partidos con representación nos plenos escribe un artigo opinión sobre diferentes elementos vencellados á súa actividade política. A finais de novembro sumouse Actuación Xove, un espazo da asociación Imaxina e Axuda no que se fala dos problemas que percibe a xuventude estradense.

Estas súmanse a outras como Reportaxe e A Estrada a Debate, que cada certo tempo sacan contidos especiais. A previsión é que nas vindeiras semanas se poida ampliar o abano de seccións.

Comentarios

Deixa unha resposta

Descubre máis desde Xornal da Estrada

Subscríbete agora para seguir lendo e obter acceso ao arquivo completo.

Seguir lendo