Publicidade

As obras da autovía provocarán cortes “puntuais” en pistas parroquiais

As obras do último treito da AG-59 continúan avanzando e, con elas, estanse a producir cortes nalgunhas das estradas que comunican as diferentes parroquias afectadas polas obras. Actualmente está pechada a que une Cora co centro de saúde. A previsión é que se poidan producir máis afectacións á circulación, namentres as obras avanzan nas diferentes infraestruturas.

O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, quen este venres visitou as obras, sinalou que os cortes serán “puntuais” e haberá derivacións de tráfico. “Unha vez rematadas as obras, todas estas estradas municipais van quedar con pasos inferiores por debaixo da nova autovía”, comentou.

Pediu “comprensión” polas afeccións que poidan provocar as obras no día a día dos veciños da zona na que se vai construír a autovía. Asegurou que irán informando puntualmente das cuestións que poidan afectarlles. “dende o Concello estaremos para recibir o sentir dos veciños e veciñas en todas as cuestións que se poidan mellorar, entendendo que as obras sempre causan cambios que teremos que asumir”, dixo Louzao.

Construción de infraestruturas

Aproveitando o bo tempo do verán, os traballadores están aproveitando para facer os grandes movementos de terra, as drenaxes e os piares do primeiro viaduto, o do río Vea. “A adxudicataria quere que quede construído nos últimos meses de 2026 e ese vai ser dos grandes avances que se van ver na fisionomía desta obra”, apuntou o rexedor.

Lembrou que a previsión é que as obras estean rematadas no 2028. O treito en construción unirá Pontevea (Teo) co Rollo (Santa Cristina de Vea), rematando nunha glorieta a nivel sobre a PO-841. A actuación prevista inclúe 9 novas estruturas: os viadutos dos ríos Ulla e Vea, 4 pasos inferiores, 1 paso superior e 2 muros.

Nesta terceira fase construiranse 4 dos 14 quilómetros que terá a AG-59 en total. Para iso destinaranse máis de 30 millóns de euros.

As obras avanzan

Durante a súa visita, Louzao estivo acompañado polo arquitecto técnico municipal, Daniel Órrea, e por representantes das tres empresas que forman a UTE que está a construír este treito — Francisco Gómez y Cía, S.L., Misturas Obras e Proxectos S.A. e Vázquez y Reino, S.L.

O rexedor mostrouse sorprendido polo que avanzaron os traballos no último mes. Dende o Concello sinalan que o fan a un “ritmo áxil”.

Imaxe de portada: visita de Louzao ás obras da AG-59 // Concello da Estrada

Comentarios

Deixa unha resposta

Descubre máis desde Xornal da Estrada

Subscríbete agora para seguir lendo e obter acceso ao arquivo completo.

Seguir lendo