Publicidade

Anuncian o peche temporal dunha pista en Cora polas obras da autovía

O avance das obras da AG-59 obrigará a pechar de forma intermitente e temporal un vial en Vilacriste (Cora). Será en horario diúrno e de luns a venres, manténdose aberto polas noites e fins de semana e festivos. Durará un mes.

Este peche faise necesario para facilitar o tránsito de camións dunha marxe á outra do río Vea para dar saída ao material resultante dos movementos de terra que están a facer. Dende o Concello da Estrada estiman que para os veciños non suporá unha gran afección, pois existe outra alternativa viaria para a comunicación nesa zona.

O bo tempo permitiu que a Unión Temporal de Empresas (UTE) encargada das obras, formada polas firmas Misturas, Vázquez y Reino e Francisco Gómez y Cía, fixese os grandes movementos de terra e as drenaxes para avanzar nos traballos do primeiro dos viadutos que se quere executar, o do río Vea. A previsión é que quede construído antes de que remate o ano.

O treito en construción unirá Pontevea (Teo) co Rollo (Santa Cristina de Vea). Serán catro quilómetros que rematarán nunha rotonda a nivel da PO-841. A actuación prevista inclúe 9 novas estruturas: viaduto do río Ulla, viaduto do río Vea, 4 pasos inferiores, 1 paso superior e 2 muros.

Imaxe de portada: treito pechado // Xornal da Estrada / Google Maps

Comentarios

Deixa unha resposta

Descubre máis desde Xornal da Estrada

Subscríbete agora para seguir lendo e obter acceso ao arquivo completo.

Seguir lendo