Publicidade

Borrageros acusa de “falta de previsión” a Xunta e Concello polos atascos en Pontevea

O candidato do BNG á Alcaldía, Marcos Borrageros, denunciou este sábado a “falta de previsión” existente en relación á apertura do segundo treito da autovía. Culpa a Concello e Xunta das retencións que se están a producir en Pontevea.

“O que aconteceu era perfectamente previsible. De feito, xa en maio de 2023 o BNG da Estrada indicou claramente que a saída de Pontevea ía converterse nun funil con numerábeis atascos”, lembrou Borrageros, á vez que o seu partido aporta unha foto de retencións a 150 metros do stop de Pontevea. O nacionalista asegurou que, por mor deses atascos, a ganancia de tempo que tería que existir circulando pola AG-59 en lugar da AC-841 “queda anulada”.

Sinala que a apertura dunha nova vía debe ir acompañada dun estudo rigoroso de mobilidade e das actuacións necesarias en cada punto, dando por feito que neste caso non existen. “As retencións producíronse, ademais, en pleno período estival. Co regreso á actividade laboral e escolar no mes de setembro, a intensidade do tráfico será previsiblemente maior, polo que a situación pode agravarse gravemente se non se adoptan medidas con rapidez”, afirmou Borrageros.

Ademais, pediu ás administracións que “deixen de improvisar” e se estuden “de maneira urxente” solucións ante estas retencións.  “As infraestruturas deben planificarse como unha rede integrada e non como actuacións illadas”, concluíu. 

Cómpre destacar que o treito entre A Ramallosa e Pontevea que vén de ser inaugurado é a primeira parte do proxecto de ampliación. Segundo as previsións da Xunta, o segundo treito — ese que unirá Pontevea co Rollo (Santa Cristina de Vea) — estará listo en 2028. Comezará no punto no que remata o treito de autovía existente en Pontevea e rematará nunha rotonda na PO-841.

Imaxe de portada: retencións no cruce de Pontevea // BNG

Comentarios

Deixa unha resposta