O 3 de abril de 1979 A Estrada celebraba as súas primeiras eleccións municipais na historia da democracia recente. Tras isto 7 alcaldes diferentes ocuparon o cargo, en máis dun caso cunha historia ben destacada e que repasaremos a continuación.
Jesús Durán Martínez (1979 – 1983)
Aínda que foi o primeiro alcalde na democracia recente, era a segunda vez que ocupaba o posto, pois gobernara entre 1958 e 1959. Para esta segunda ocasión presentouse pola UCD, coa que conseguiu a maioría absoluta.
Manuel Reimóndez Portela (1983 – 1987)
Jesús Durán Martínez volvera a ser o gañador dos comicios, desta vez cun partido independente – a Candidatura Independente da Estrada – e conseguindo 10 representantes no Concello, pero un pacto da Coalición Popular de Reimóndez Portela co PSOE fixeron que non tivera un segundo mandato.
Elvira Fernández Díaz (1987 – 1991)
En 1987 as municipais gañábaas Elvira Fernández Díaz co Partido Nacionalista Galego, aínda que sen conseguir maioría absoluta. Máis tarde ingresou no Partido Popular e foi elixida senadora. Foi a única alcaldesa que tivo A Estrada.
Jesús Tallón Maceira (1991 – 1992)
A elección de Elvira Fernández Díaz como candidata do Partido Popular provocou unha escisión no partido. Esta escisión liderouna Ramón Campos Durán.
Nas municipais de 1991 Elvira Fernández foi a gañadora, aínda que sen maioría absoluta. Isto fixo que perdera a alcaldía, pois PSOE, BNG e a Agrupación Independente de A Estrada, o partido que xurdiu da escisión do PP, pactaron e colocaron ao socialista Jesús Tallón Maceira como alcalde.
Ramón Campos Durán (1992-2007)
Tras un ano de goberno socialista que o partido de Campos Durán apoiaba xunto co BNG, PP e Agrupación Independente de A Estrada pactaban para que el fora alcalde, provocando o abandono de Elvira Fernández da política local.
Ramón Campos Durán chegaba á alcaldía mediante unha moción de censura e gobernaría ata 2007 grazas ás tres maiorías absolutas que conseguiu, chegando a conseguir o PP nunha delas 14 representantes.
Durante o seu mandato, despois das eleccións do 2003, aprobouse unha polémica suba do IBI, que facía que o BNG organizase á cidadanía para encerrarse no Concello durante varios meses.
José Antonio Dono López (2007 – 2011)
O anuncio de Ramón Campos de non continuar na política provocaba unha nova escisión no PP, no que parte do partido uníase a Cidadáns de Galicia (CIDEGA).
Nas eleccións do 2007, o PSOE era o gañador, aínda que sen maioría absoluta. Os primeiros meses, José Dono gobernou en solitario aínda que, finalmente, chegou a un acordo co BNG.
José Carlos López Campos (2011 – 2024)
Tras ser deputado no Parlamento galego, en 2011 encabeza a lista do PP, reunificados outra vez. Consegue a primeira das 4 maiorías absolutas que conseguirá ata 2024, ano no que renuncia ao cargo para ser Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude.
O seu sucesor será elixido este sábado e todo apunta a que será Gonzalo Louzao Dono.


Deixa unha resposta a Gonzalo Louzao xa é oficialmente alcalde da Estrada – O Xornal da Estrada Cancelar a resposta