Na mañá deste martes comezaron a efectuarse melloras no firme da N-640 na parroquia de Callobre, ocasionando que se alternara o tráfico. Gonzalo Louzao, alcalde da Estrada, agradeceu esta intervención: “non me caen os aneis en agradecer publicamente o que outras administracións fan no noso municipio”, asegurou lembrando que “o obxectivo é a variante”.
“Parecía que estabamos menosprezados”, comentou o mandatario en relación ás melloras que se foran executando noutros concellos. Engadiu que así llo fixo saber a Abel Losada, subdelegado do Goberno en Pontevedra. “Nos dixo que o trasladaba e que ese mantemento se ía facer en primavera. A primavera chegou e aquí están as máquinas noterritorio estradense, o cal eu llo agradezo persoalmente”, manifestou.
“Non pode chegar ao estado ao que chegou”, dixo Louzao subliñando as numerosas deficiencias da vía de titularidade estatal no concello. “Estas medidas urxentes estanse facendo, pero non podemos quedar aí. Están en elaboración os orzamentos xerais do Estado e é fundamental non quedarnos nun bacheo: ten que chegar a variante á Estrada”, sinalou.
“É unha das grandes melloras en comunicación para o Concello da Estrada. A Xunta cumpriu coa chegada da autovía á capital de Galicia e o Goberno do Estado leva moitos anos neste proceso sen ningún tipo de avance”, apuntou.
Pediu “calendarios” e “celeridade” para a construción da variante, á vez que lembraba que A Estrada é o único casco urbano atravesado por unha nacional en toda a provincia.
Imaxe de portada: obras en Callobre // cedida

Deixa unha resposta a O BNG reivindica o seu traballo para conseguir o arranxo da N-640 – Xornal da Estrada Cancelar a resposta