A Xunta de Goberno Local da Estrada adxudicou as obras do novo plan de acondicionamento de xardíns municipais e do retablo maior da igrexa parroquial de Santo Tomé de Ancorados.
Para as zonas axardinadas a empresa seleccionada foi Ecogarden Galicia S.L., que terá que executar un acondicionamento profundo na zona axardinada da Baiuca – entre o heliporto e o centro de saúde -, no illote de Toedo, na rotonda de entronque da Avenida de Santiago coa Rúa da Cultura, na alameda – onde se colocarán unhas letras co texto “A Estrada”, que contarán con iluminación led RGB e con vocación de que se converta nunha sorte de photocall -, na Praza da Feira, na mediana axardinada da Rúa da Cultura e no parque de Figueiroa.
Ademais, a empresa ofertou como mellora a reposición das plantas de tempada na zona peonil. A iniciativa, enmarcada no Plan +Provincia, foi adxudicada por un importe de 128.846 euros (IVE incluído) e cun prazo de execución de dous meses desde a sinatura do contrato.
No caso do retablo de Santo Tomé de Ancorados, a empresa elixida foi Rehabita Gestión Integral de Rehabilitaciones y Restauraciones. O orzamento ascende a 50.949 euros e a empresa reduciu en cinco semanas o tempo de execución, sendo finalmente de tres meses e tres semanas desde a sinatura do contrato.
Este retablo barroco data da segunda metade do século XII e foi feito en madeira de castaño policromada e dourada. Na actualidade atópase gravemente deteriorado, polo que as intervención contempladas son unha limpeza mecánica, un saneado e consolidación do soporte; desinsectación por parte dunha empresa especializada e colocación de barreira antitermitas; peche de xuntas, fendas e reconstrución de volumes; eliminación de repintes; limpeza química; fixación de policromías; tratamento de elementos metálicos; revisión de ancoraxes e apoios; estucado; reintegración; protección con vernizado final e montaxe.
Imaxe de portada: última reposición de plantas na zona peonil // Concello da Estrada

Deixa unha resposta a Reices critica o investimento nas zonas axardinadas cando a “2 quilómetros do centro amoréase o lixo” – Xornal da Estrada Cancelar a resposta