As obras do módulo cuberto multideporte terán que rematar, a máis tardar, o 31 de marzo, tal e como establece a addenda ao convenio entre Concello e Deputación que se aprobará o luns nun pleno extraordinario. Esta infraestrutura permitirá a práctica de varias modalidades deportivas.
O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, avanzou que a empresa adxudicataria está agardando polas grandes vigas de madeira á medida que se colocarán sobre os piares actualmente á vista e que servirán de sustento á singular cuberta de madeira que terá o módulo.
Na súa construción aprovéitase o desnivel do terreo, permitindo que sexa un nexo entre a pista de atletismo e a Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP). De feito, terá unha entrada desde a cota das pistas e outra desde a da academia, ademais dunha terceira pola parte frontal.
Esta instalación complementará á pista de atletismo, permitindo a práctica dalgunhas modalidades a cuberto – concretamente as de salto de lonxitude, salto con pértega e probas de velocidade e obstáculos – e cubrindo necesidades como os vestiarios, aseos, almacéns de material ou o propio ximnasio.
O ximnasio, que se atopará no semisoto, permitirá a práctica de artes marciais como o judo, o karate e o taekwondo. Para iso, haberá tres tatamis dispoñibles.
Este edificio, cuxa obra está orzamentada en 2 millóns de euros, permitirá acoller competicións e concentracións do máis alto nivel.

Deixa unha resposta a O regreso do vandalismo, folga de mestres e novidades nas obras da Farola – Xornal da Estrada Cancelar a resposta