Publicidade

Louzao móstrase disposto a aumentar o número de axentes na Policía Local

Louzao móstrase disposto a aumentar o número de axentes na Policía Local

O mandatario fala de “premiar” ao corpo na oferta de emprego público que están a preparar

O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, anunciou este xoves a súa intención de reforzar o corpo de Policía Local, tanto a nivel de persoal coma de material, e que, nas súas palabras, sexa “un dos departamentos premiados” da oferta de emprego público asociado aos orzamentos municipais de 2026. “Queremos que esta ampliación de medios materiais se acompase tamén cun reforzo dos recursos humanos asociados a este corpo policial, un servizo de seguridade pública que para este goberno e para o conxunto da cidadanía resulta de gran importancia”, asegurou.

“Unha vez que xa temos aprobados os orzamentos, imos lanzar a nova oferta de emprego público e queremos que este sexa un dos departamentos nos que nos centremos a medio prazo para que se reforce con máis persoal”, dixo Louzao antes de mostrar a súa intención de contar con máis persoal para .”que poidamos reforzar as quendas e tamén para que poidamos ter máis horas de servizo”.

A pretensión pasa por reforzar o horario nocturno, especialmente en vésperas de festivos, fins de semanas e datas de eventos, algo que non é posible porque hai 13 axentes nun cadro de persoal de 18. Aínda así, non quixo ofrecer unha cifra concreta das prazas novas que habería.

“Levamos uns anos nos que non se puido, polas restricións que tivemos a corporacións locais para poder contratar e completar os postos vacantes que tiñamos. Pero, unha vez levantadas estas limitacións, queremos que este sexa un departamento premiado neste senso”, asegurou.

Noutra orde das cousas, este xoves entregouse un coche híbrido que substitúe a outro xa retirado. Na actualidade, o corpo conta con catro coches e dúas motocicletas.

Imaxe de portada: entrega do novo coche // Concello da Estrada

Comentarios

Deixa unha resposta

Descubre máis desde Xornal da Estrada

Subscríbete agora para seguir lendo e obter acceso ao arquivo completo.

Seguir lendo