Este venres o DOG recolleu os cambios aprobados no nomenclátor de Galicia. Amais de que A Cañiza pasa a ser A Caniza, Campo Lameiro a ser O Campo Lameiro ou que Cerdedo-Cotobade perde o guión, 13 lugares do concello da Estrada, correspondentes a 12 parroquias diferentes, tiveron modificacións no seu topónimo.
En Cereixo, Mollarrabo engade o artigo, pasando a ser O Mollarrabo. O mesmo ocorre cos lugares de Vilar (A Estrada), Ouzamerxe (Guimarei e Lagartóns), Veiga da Leña (Lamas) e Paraño (San Miguel de Barcala), que con esta aprobación pasan a estar recollidos coma O Vilar, O Ouzamerxe, A Veiga da Leña e O Paraño.
O lugar de Salouzáns, en Lamas, engade un <<n>>, quedando como Sanlouzáns. Iso mesmo sucede nos lugares de Costenla de San Miguel de Castro e Santo André de Vea, que pasan a chamarse Constenla. No caso de Entrecastrelo (Ribela), pasa ao plural, converténdose en Entrecastrelos.
No caso de Codeseda oficialízase o topónimo A Grela, en substitución de A Agrela. En Loimil, o lugar homónimo muda de nome para converterse en A Igrexa.



Deixa unha resposta