Repasamos todas as preguntas e respostas que se fixeron no Congreso dos Deputados sobre a estrada nacional na Estrada

A N-640 é o tema máis recorrente polo que os medios de comunicación mencionamos ao Goberno central nas nosas pezas a nivel estradense. Un tema que tamén se trasladou en numerosas ocasións a Madrid a través dos representantes dos deputados no Congreso ao longo da última lexislatura.
En total formuláronse nove preguntas sobre a N-640, especialmente pola súa sinistralidade e pola variante. Quen máis preguntou sobre ela foi o BNG, con seis preguntas. Cinco delas concentráronse na primeira metade da lexislatura. O PP formulou as súas tres preguntas entre novembro de 2024 e febreiro de 2026. En 2025 ningún partido fixo ningunha pregunta.
Se ben é certo que non fixeron preguntas no Congreso ao Goberno, cómpre sinalar que o PSOE si que tería feito peticións de arranxo da estrada nacional, tal e como anunciou en varias ocasións o voceiro do partido na Estrada, Luis López Bueno. Dado que este artigo céntrase nas preguntas feitas no Congreso, non serán abordadas.
Agosto de 2023
A primeira pregunta chegou pouco despois de comezar a nova lexislatura. Formulouna o deputado do BNG, Néstor Rego, quen cuestionou ao Goberno sobre posibles melloras de seguridade na estrada ao seu paso por Matalobos, Lagartóns, Ponte Liñares, O Foxo, O Sol e A Estrada, sobre medidas de redución da sinistralidade e sobre cal era a situación da variante da N-640.
O Goberno respondeu que se eliminara no mes de febreiro un treito de adiantamente e pintárase unha dobre liña continua. Ofreceron os datos de sinistralidade dos cinco anos anteriores no termo municipal da Estrada. Neles reflexábase que se produciran 29 sinistros con feridos, nos que 36 persoas resultaron feridas, unha delas de gravidade.
Noutra pregunta, interesouse pola situación do proxecto da variante, se se executara a partida de 500.000 euros prevista nos Orzamentos e en que consistía o proxecto para salvar o Castro de Preguecido.
O Goberno asegurou que estaba pendente a licitación do contrato de asistencia técnica para a redacción do proxecto, na que se establecería a solución para non afectar ao patrimonio local.
Unha terceira pregunta referíase á intersección coa EP-7016, a estrada de Vinseiro. Interesouse pola disposición do Goberno para solucionar a situación que se produce neste acceso, onde para acceder a ela procedentes da rotonda das Colonias hai que “dar un rodeo innecesario”.
Da resposta do Goberno despréndese que a eliminación do xiro dende a rotonda responde a motivos de seguridade. Dende a administración central engadiron que o acceso pódese facer dende unha estrada de titularidade municipal en Lagartóns.
Todas estas preguntas formuláronse un mes despois dos comicios e case tres meses antes de ser investido Pedro Sánchez presidente. No acordo de investidura, asinado en novembro dese mesmo ano, incluíuse a variante da N-640. De feito, o propio Rego chegou a anunciar que a redacción do proxecto comezaría en 2024 para comezar a execución “antes de que remate a lexislatura”.

Marzo de 2024
Uns meses máis tarde, o propio Rego preguntou cales eran as obras e actuacións previstas para a reparación e mellora da N-640 entre O Foxo (Rubín) e A Estrada. O Goberno respondeu que estaba en execución o contrato de conservación integral que incluía ese treito. Ademais, estábase a licitar o contrato de servizo de firmes das provincias de Pontevedra e Ourense, co que se “permitirá actuar nos tramos das estradas que o precisen, incluíndo a N-640”.
Abril de 2024
Tras un atropelo nas proximidades do Concello, Néstor Rego preguntou se se ían adoptar melloras de seguridade viaria e o punto no que se atopaba o proxecto da variante.
A resposta do Goberno sinalaba que o treito urbano da N-640 “conta cunha sinalización e balizamento correctos e adecuados” e que non estaba considerado un Tramo de Concentración de Accidentes. Sobre a variante, apuntaron que “está pendente da licitación dun contrato de asistencia técnica para a redacción do correspondente proxecto de trazado e construción”, algo que dependería “das dispoñibilidades orzamentarias e da priorización que se estableza”.
Novembro de 2024
En novembro de 2024 os deputados do PP Irene Garrido, Pedro Puy, Juan Andrés Bayón e Celso Delgado preguntaron cando se ía licitar o contrato de asistencia técnica para a redacción do proxecto da variante e se habería unha partida para iso.
A resposta do Goberno foi a seguinte: “En relación co asunto interesado, sinálase que é necesario licitar un contrato de servizos para a redacción do proxecto da variante da Estrada na N-640 (Pontevedra)”.

Noutra pregunta, os populares pediron prazos para atender as demandas de mellora do firme da estrada nacional. Preguntaron cales eran os datos de sinistralidade e se o Goberno é consciente “da alta sinistralidade que se produce na N-640”.
O Goberno explicou que non existen Tramos de Concentración de Accidentes no termo municipal da Estrada e que fora reforzada a seguridade viaria en todos os pasos de peóns coa colocación de novas balizas reflectantes e novas marcas viais que impiden o estacionamento 10 metros antes do paso de peóns. En setembro de 2024 repintáronse os pasos de peóns.
No tocante ás competencias do Ministerio de Interior, aseguraron que taballaban co obxectivo de lograr “cero persoas hospitalizadas a 2050, obxectivos coñecidos como Visión Zero“. A travesía urbana está nas zonas que están vixiando. En canto a accidentes con vítimas — entendéndose por vítimas mortais e/ou feridos –, en 2019 teríanse producido 10, 1 en 2020, 1 en 2021, 4 en 2022 e 6 en 2023.
En abril de 2025 o Goberno executaría melloras do firme nalgúns puntos da Estrada. En novembro dese mesmo ano o alcalde de Cuntis, Manuel Campos, anunciaría a pretensión de licitar o asfaltado integral da estrada nos concellos de Cuntis e A Estrada “nos próximos meses”.
Febreiro de 2026
Os populares Irene Garrido, Pedro Puy, Juan Andrés Bayón e Celso Delgado preguntaron cando se ía atender as “xustas demandas” veciñais de reparación e mellora da seguridade viaria na N-640 na Estrada e se se ía incluír unha partida para esta actuación. Interesáronse polos datos de sinistralidade e por se o Goberno é consciente da “alta sinistralidade” e do risco que supón para os seus usuarios.
O Goberno aportou os datos de sinistralidade en 2024 e 2025. Neles refléxase que en 2024 producíronse 11 accidentes e en 2025, 7. Ningún deles tivo relación co mal estado do asfalto. Engadiron que estaba previsto “rehabilitar” o firme da N-640 entre Cuntis e A Estrada.
Entre maio e xuño faríanse asfaltados parciais correspondentes ao plan de arranxo dos estragos dos temporais do inverno.
Xullo de 2026
Tras producirse un novo atropelo, o deputado nacionalista Néstor Rego preguntou se eran conscientes de que se producira e se, independentemente de ter a consideración de Tramo de Concentración de Accidentes ou non, non consideraban necesario a aplicación medidas de reforzo da seguridade viaria. Tamén se interesou polo estado do proxecto da variante.
Dende o Goberno sinalaron que o Ministerio de Transportes Mobilidade Sostible si ten coñecemento dos sinistros que se producen nas súas estradas. Repetiron que a travesía conta “cunha sinalización e balizamento correctos e adecuados” e que non é un Tramo de Concentración de Accidentes.
En agosto comezaría a licitación do asfaltado da N-640 entre Caldas de Reis e Silleda.
Imaxe de portada: A N-640 na Estrada // Xornal da Estrada



Deixa unha resposta