“YU Lugar de Encuentro gradúase de cafetería!”. Así comeza o comunicado que dende hai unhas semanas esta cafetería da Avenida de Ponteareas comparte nas súas redes sociais no que se anuncia que “pecha as súas portas para abrir un novo capítulo nas nosas vidas”.
Sinalan que “logramos o noso obxectivo principal: ser o seu lugar de encontro feliz. Agora tócanos levar esa felicidade a novos rumbos e proxectos persoais”. Piden que “non nos digades adeus, dicídenos ‘deica logo’” porque cambiará o lugar pero seguirán coas actividades que viñan levando a cabo.
O último día que abrirán será este sábado, cando celebrarán unha festa de disfraces co que “despedir e agradecer a un espazo que permitiu crer e crear”. Comezará ás 19.30 horas. A partir do seu peche, algunhas das súas actividades, coma o club de tecido dos mércores trasladaranse ao Acrópolis, na Rúa Calvo Sotelo.
Unha cafetería que quería ser (e foi) diferente
O 20 de xuño de 2025 as irmás Yuri e Yumara abrían un espazo co que, tal e como aseguraron nunha entrevista no Xornal da Estrada, buscaron “romper un pouco a cultura do bar, de consumo de alcohol” e crear, tal e como di o seu nome, un lugar de encontro. Poden dicir que o conseguiron, pois a partir das horas que a clientela pasou dentro chegáronse a crear amizades e comunidades.
Talleres e conversatorios citáronse en YU, onde tamén se implementou un espazo de lectura mediante o sistema “colle un, deixa un”. Algunhas das intencións previstas inicialmente tiveron que quedar no camiño.
O que non quedaron no camiño foron as horas de conversas coas ‘Yu’, como as rematou coñecendo a clientela. Unhas horas de conversas que comezaron en xuño de 2025 e que co remate de outubro de 2026 rematan na versión actual, pero con vocación de continuar.
Imaxe de portada: Yumara (esquerda) e Yuri (dereita) ao pouco de abrir // Xornal da Estrada



Deixa unha resposta