A Liña de Alta Tensión asociada pasará a 400 metros de vivendas de Arca
O BNG da Estrada criticou que o Concello non se reunise polo momento coa veciñanza das parroquias afectadas polos eólicos Nesa Monte Arca Norte e Nesa Monte Arca Sur. A instalación de aeroxeradores e a liña de alta tensión que inclúe o proxecto afectan aos concellos da Estrada, Cuntis e O Campo Lameiro. O prazo para alegar remata o 12 de novembro.
O proxecto inclúe a instalación de seis aeroxeradores de 6,66 MW, cunha potencia total de 40 MW. Colocaranse no Monte Cabalar, nos concellos da Estrada e Cuntis, e terán unha altura máxima de máis de 200 metros. Construirase unha subestación eléctrica, dúas torres de medición, gabias, novos camiños e unha Liña de Alta Tensión que unirá a subestación coa de Touriñán III-2, no Campo Lameiro. Percorrerá case seis quilómetros en territorio estradense.
O partido nacionalista apunta a que vivendas de Folgoso (Arcos, Cuntis) estarán a menos dun quilómetro dos aeroxeradores. Engaden que a liña de alta tensión pasa a menos de 400 metros das vivendas de Arca e que provocará afeccións á rede hídrica dos montes Cabalar e Cádavo.
Dende o BNG sinalan que “non é un caso illado”, pois os proxectos eólicos proliferan na zona. Apuntan ao Campo das Rosas, xudicializado tras os recursos de colectivos ecoloxistas e veciñais, ou o Monte Xesteiros, con autorización suspendida cautelarmente polo TSXG.
“Temos unha saturación de muíños de vento á que cómpre porlle fin. Non se pode seguir enchendo cada monte da Estrada de aeroxeradores e liñas de alta tensión sen planificación, sen escoitar a ninguén e sen avaliar o efecto conxunto de todos os proxectos”, asegurou o candidato á Alcaldía do partido nacionalista, Marcos Borrageros.
Imaxe de portada:Mapa dos eólicos Nesa Monte Arca Norte e Nesa Monte Arca Sur // Xornal da Estrada



Deixa unha resposta