O Concello da Estrada recepcionou as obras de mellora realizadas no punto limpo de Penerada. A estas obras destináronse 200.000 euros procedentes dunha subvención da Consellería de Medio Ambiente, respaldada por fondos europeos.
Incorporáronse seis novos contedores de gran tamaño para que os usuarios fagan o depósito de residuos de forma selectiva. Dous deles están destinados a podas e colchóns. Tamén se construíu unha caseta caseta destinada a Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos (RAEES) e melloráronse as instalacións existentes para os perigosos.
En materia de seguridade creouse unha varanda para evitar caídas no interior dos contedores, fíxose un pintado de seguridade e delimitouse a zona de mobilidade no interior das instalacións para evitar esvaróns. Ampliouse o sistema de videovixilancia con cámaras e sensores de alarma.
Incorporáronse melloras na zona de recepción coa dotación dun sistema informático e unha PDA para rexistrar e remitir o informe do peso de cada depósito realizado, tarefa na que axudará unha nova báscula. O punto limpo abre de xoves a sábado en horario de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 19.00 horas.
Imaxe de portada: recepción das obras // Concello da Estrada



Deixa unha resposta