Arranca a licitación para a construción de 28 vivendas públicas na Estrada

Arranca a licitación para a construción de 28 vivendas públicas na Estrada

O edificio terá vivendas de entre 2 e 4 dormitorios · Louzao agarda que esta sexa “a primeira de moitas outras” promocións públicas

Este mércores a zona do Mercadona acolleu un acto que servíu para anunciar a publicación da licitación da construción de 28 vivendas públicas na Estrada. O inmoble atoparase na parte traseira da Garda Civil e terá forma de L, con vivendas de 2, 3 e 4 dormitorios; uns fogares accesibles, cunha construción de calidade e eficientes enerxeticamente. Para a súa execución destinaránse 4,8 millóns de euros, todos procedentes da Xunta de Galicia.

Foi deseñado para ser “o máis habitable, acolledor, coas mellores prestacións e a mellor durabilidade posible e que estea o mellor organizado”, salientaron os redactores do proxecto. Contará cunha serie de terrazas pensadas para que os baixocuberta, que é onde estarán as vivendas adaptadas, poidan acceder a elas. Contará cun espazo público interior “o máis agradable posible e moi ben orientado”.

O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, lembrou que hai máis de 20 anos que non se constrúe vivenda pública no concello pese a existir unha alta demanda deste ben – hai máis dun cento de persoas que se atopan no Rexistro de Demandantes de Vivenda Pública no concello da Estrada.

Louzao pediu que “esta sexa a primeira de moitas outras” parcelas de vivenda pública “que entregue o Concello de forma gratuíta”. Asemade, agardou que esta iniciativa pública “sirva de motor” para as iniciativas privadas da zona, a día de hoxe aínda sen edificar, e que, así, “a administración pública sexa o piar inicial para que haxa máis vivenda no conxunto da Estrada”.

Pola súa banda, a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, detallou que os fogares están destinados aos inscritos no Rexistro de Demandantes do Concello da Estrada. Puxo en valor a cooperación entre administracións e insistiu en que “sen solo dispoñible non se pode edificar”.

Amais, lembrou o anunciou que fixo o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, durante o Debate do Estado de Autonomía sobre as novas medidas para que os galegos accedan á vivenda pública. Esas medidas consisten no aumento da renda máxima para poder habitar unha e en que o 30% das vivendas en réxime de compraventa impulsadas pola Xunta reservaranse a persoas de entre 36 e 45 anos.

No caso que atingue á Estrada, que é o do incremento do limiar, este ascende ata 4 veces o Iprem (é dicir, que o límite de renda mensual para unha familia cun fillo sitúase en 3.530 euros brutos) e para as familias numerosas, ata 4,5 veces (situándose o limiar en 4.154 euros brutos ao mes de renda familiar).

Imaxe de portada: anuncio da licitación da vivenda // Xunta

Comentarios

Deixa unha resposta

Descubre máis desde Xornal da Estrada

Subscríbete agora para seguir lendo e obter acceso ao arquivo completo.

Seguir lendo