A comunidade educativa do IES Manuel García Barros vaise manifestar o vindeiro martes 28 ante o que consideran que é unha situación na que non se pode impartir clase con normalidade como consecuencia das altas ratios.
María López, mestra neste instituto estradense e unha das participantes na Asemblea do Profesorado do centro, lembrou en declaracións a Radio Estrada que non é unha situación nova, senón algo que levan manifestando dende o inicio do curso. Amais da redución do número de alumnos e alumnas por aula, que é a principal reclamación, tamén piden melloras salariais e a recuperación do horario do profesorado.
En canto ás ratios, López comenta que en moitas aulas hai 30 alumnos e alumnas, ao que se lle suma a “carga do profesorado”, con mestres que, en total, chegan a ter 180 alumnos.
Engade que teñen a “sensación de que o alumnado non son latas que nós abrimos, embutimos de coñecemento e volvemos pechar”, senón que son persoas ás que teñen que atender. “Non se están dando as condicións para facelo cun mínimo de calidade”, advirte.
“A nosa vontade é, agora si, non parar ata conseguir baixar as ratios”, continúa María López. Explica que piden que o alumnado con dificultades de aprendizaxe (que oscila entre o 30 e o 35% do total) conte coma se fosen dous alumnos, pois “así sentimos nós que se ten que traballar con eles, adicándolles o dobre de esforzo”. Do mesmo xeito, reclaman que o alumnado repetidor conte nas ratios, algo que non ocorre na actualidade.
Diferentes mobilizacións
“A fartura do profesorado levounos a formar asembleas”, comenta. Iso dou lugar á axenda de mobilizacións que comezou este luns, no que se reuniron coas familias para explicarlles a situación. O 28 de abril haberá unha folga de profesorado e alumnado a nivel galego, convocada por CIG-Ensino, STEG e as Asembleas Abertas do Ensino Público.
“Queremos implicar ás familias porque estamos todos afectados”, asegura María López. Detallou que este mércores o profesorado do centro estará por quendas na feira repartindo octavillas informando das súas reclamacións e o xoves celebrarán na Estrada unha asemblea comarcal con compañeiros do Deza. Asemade, o 6 de maio celebrarán unha nova mobilización, desta volta de carácter local.
Imaxe de portada: IES Manuel García Barros // Xornal da Estrada / Arquivo

Deixa unha resposta