‘A Espera’, unha historia de amor e desamor de Iria Collazo, gaña o Manuel García Barros

‘A Espera’, unha historia de amor e desamor de Iria Collazo, gaña o Manuel García Barros

A profesora e escritora Iria Collazo Castro proclamouse este martes gañadora do Premio Literario Manuel García Barros pola súa novela A Espera, que verá a luz no mes de xuño da man da editorial Galaxia.

Foi o xurado formado por Ánxela Rodríguez Rodríguez, Laura Paz Fentanes, Marcos Sánchez Calveiro, Armando Requeixo Cuba e Carlos Loureiro Rodríguez, exercendo este último como secretario, o que determinou que a Collazo Castro é a merecedora desta distinción entre as 19 propostas concurrintes. Foi unha decisión tomada por unanimidade.

Presentada baixo o lema “A Espera. Dúas historias de amor”, o xurado salientou  “a súa capacidade para nos mergullar nunha poderosa historia de amor e desamor entre dous autores que se atopan na escrita e se afastan na vida”.

Sinalan tamén que está narrada “coa forza dos sentimentos encontrados”. “As pulsións emotivas lévannos da man por un carrusel de ledicias, tristuras, encontros e desencontros que debuxan un complexo mundo de relacións interpersoais nas que ninguén sae indemne”, sosteñen.

Escrita con gran profusión de citas literarias, que dialogan coa historia de amor que sostén a novela, esta narración “destaca polo fino esmerilado dos períodos, a admirable contención expresiva e o esmaltado de prosa poética que cicela esas páxinas, conducíndonos nunha espiral de emocións ata un final climático que pecha a novela luminosamente”.

Foi a concelleira de Cultura, Lucía Seoane, a encargada de anunciarlle a noticia. Iria Collazo recibirá o premio en xuño, momento para o cal Galaxia xa terá á venda a primeira edición desta novela. Amais da publicación da peza, o galardón leva asociado un premio económico de 9.000 euros.

Imaxe de portada: xurado do Premio Manuel García Barros // Concello da Estrada

Comentarios

Deixa unha resposta

Descubre máis desde Xornal da Estrada

Subscríbete agora para seguir lendo e obter acceso ao arquivo completo.

Seguir lendo