Publicidade

A comunidade educativa mantén as súas reivindicacións varios meses despois

As Asambleas Abertas do Ensino Público sumáronse o pasado mércores á folga xeral e participaron na manifestación na Estrada. En declaracións a Xornal da Estrada, mostraron o seu acordo coas reivindicacións que motivaron o paro xeral e pediron que se atendan as necesidades que xa manifestaran o pasado curso.

Sobre a crise da vivenda, Xurxo, un dos mestres que participou, sinalou que “nos afecta a todos” e “xa era hora de que estivera no centro”. Como traballadores públicos que son, “defendemos os servizos públicos e queremos que o noso alumnado reciba a mellor das atencións”. Asegurou que nas condicións actuais non son quen de ofrecer esa atención.

Segundo dixo, algúns dos problemas que denunciaron ao longo do pasado curso mantéñense. Entre eles están a falta de persoal e os problemas nas infraestruturas, con goteiras ou problemas na calefacción. Piden que se faga unha distribución “equitativa” do alumnado entre os centros educativos. Como causa menos importante apunta que se atopan os seus soldos. “O que nos importa máis é a atención que está recibindo o noso alumnado, que merece unha atención digna e nestas condicións non se lles pode dar”, concluíu.

Imaxe de portada: pancartas da Asemblea Aberta do Ensino na manifestación da Estrada durante a folga xeral // Xornal da Estrada

Comentarios

Deixa unha resposta