Este venres o Concello acolleu a presentación da XIV edición do Manguelo Folk, unha aposta da asociación Coto Manguelo de Orazo para levar ao rural a música, a gastronomía e a cultura. No acto estiveron presentes a concelleira de Cultura, Lucía Seoane, a presidenta de Coto Manguelo, Verónica Vázquez, a secretaria, Raquel Rey, e unha das vocais da entidade, María Pereiras.
Seoane sinalou que este festival é “unha cita que forma parte da nosa identidade cultural e do noso calendario imprescindible”. “En lugares coma Orazo o folk convértese nunha ponte entre xeracións”, engadiu
Verónica Vázquez comentou que esta será a cuarta edición que organicen elas. “Están sendo anos complicados, con moito traballo, e poder facer en Orazo un ano máis un festival co que nós nos criamos, volvelo facer en Orazo 20 anos máis tarde, é un orgullo”, asegurou.
O festival comezará ás 17.00 horas con xogos tradicionais a cargo de SororAs e un obradoiro de baile tradicional impartido polo membros de Coto Manguelo.
A música comezará a soar ás 20.00 horas da man das pandereiteiras Lilaila (Orazo), Tequexetéldere (A Estrada) e Estraloqueiras (Vila de Cruces). Ás 22.00 horas collerán o relevo as pandereteiras Aldomir (Luou, Teo), os Chihomechi (Santiago de Compostela), os cantareiros Maghúa (A Coruña) e o grupo folk Tanto Nos Ten.
Imaxe de portada: presentación do Manguelo Folk // Concello da Estrada

Deixa unha resposta