O IES Antón Losada Diéguez vai estar presente na vindeira edición da FP Innova, que se vai celebrar os días 22, 23 e 24 de abril nas instalacións do Gaiás en Santiago de Compostela. Alí presentarán o resultado do proxecto “Taboleiros con alma sostible”, premiado na última convocatoria dos Premios á Innovación na Formación Profesional.
No marco deste proxecto fabricaron ecotaboleiros feitos a base de subprodutos da castaña, en concreto coa pel externa desta. Grazas a este proceso, dáselle a este refugallo un valor engadido, tendo a oportunidade de realizar produtos rematados e pechando a cadea de produción de subprodutos. O alumnado dos diferentes ciclos da familia profesional de Madeira, Moble e Cortiza, deseñou e fabricou diferentes elementos e accesorios de carpintaría e decoración, tales como mobles auxiliares, separadores de ambientes ou lámpadas de deseño propio.
Aproveitouse este proxecto para tratar temas ambientais e de sustentabilidade, así como a cooperación entre centros de ensino e a industria privada. De feito, contouse coa participación do CIFP A Xunqueira e das empresas IDI Ecosistemas e Cuevas y Cía.
Imaxe de portada: visita do alumnado da FP de Madeira a unha das empresas colaboradoras // cedida

Deixa unha resposta