Políticos, partidos e asociacións lamentan o pasamento do estradense
A morte do economista, político e escritor estradense Carlos Mella Villar aos 95 anos de idade xerou varias reaccións dende diferentes ámbitos da sociedade galega.
Falece Carlos Mella Villar, o estradense que foi vicepresidente da Xunta no goberno de Albor
Tiña 95 anos · Foi un destacado economista, político e escritor · O velorio é no tanatorio San Pelayo, ata as 15.00 horas deste mércores
O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, mostrou o seu pesar polo pasamento dun “veciño ilustre e orgullo do noso concello”. Destacou o seu papel como “economista, intelectual e figura clave da Galicia contemporánea” e que “a súa obra, a súa voz e o seu compromiso con Galicia forman xa parte da nosa historia colectiva”.
Dende o PSOE estradense resaltaron que “foi un home dialogante, preocupado pola Estrada e cun fondo humano que nos representaba a todos os veciños e veciñas”. O BNG da Estrada definiu a Mella como “un galego de ben que estudou, amou e defendeu o noso país” e lembraron que o estradense formou parte da candidatura nacionalista ás europeas do 94. Ademais, recoñeceron “a súa traxectoria intelectual e compromiso con Galiza”.
A nivel galego, a voceira do BNG, Ana Pontón asegurou que foi “unha persoa que destacou en moitas facetas, todas unidas por un mesmo fío: a defensa de Galiza”. Ademais do BNG, tamén mostrou o seu pesar Anova.
En canto ao mundo da cultura, amais das mensaxes de amigos, destaca a mostra de pesar trasladada pola Asociación de Escritores en Lingua Galiga (AELG), asociación que presidiu entre 1993 e 2002. Destacan que “a súa obra escrita abrangueu diversos campos creativos, como a narrativa, o ensaio, a biografía e o xornalismo”. “O seu foi un exemplo de coherencia ética e compromiso intelectual, estando sempre presente para colaborar nos esforzos colectivos para a mellora do país e da nosa cultura”, conclúen dende a AELG.
Dende a Fundación Otero Pedrayo lembraron o momento no que Mella recibiu en 2022 o Premio Trasalba. Alí, comentan, dixo que “se vos descoidades, non chegades a tempo”. Dende a fundación din que “non ía desencamiñado tan ilustre persoeiro, porque no día de hoxe deixounos para sempre”.
Do mesmo xeito, a Asociación Vagalumes lembrou cando Carlos Mella presentou o libro A Conferencia.
Imaxe de portada: Carlos Mella, durante a presentación d’A Conferencia // Captura de pantalla / AC Vagalumes

Deixa unha resposta