Louzao presume do “investimento histórico” no rural polo seu segundo aniversario como alcalde

Louzao presume do “investimento histórico” no rural polo seu segundo aniversario como alcalde

No balance do seu último ano de mandato tamén salientou a súa “Estrada de oportunidades” centrada na ampliación da autovía e do polígono de Toedo e en vivenda · Deixou para o final o pago da débeda da RPT

O 20 de abril é unha data especial para Gonzalo Louzao, pois en 2024 asumiu o cargo como alcalde despois de que José López Campos o deixara para ser conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude. 2 anos despois de coller por primeira vez o bastón de mando, fixo balance da actividade do goberno que lidera nos últimos 365 días.

O punto que máis se destacou foi a xestión do rural, onde presumiu dun “investimento histórico” en materia de mellora da rede viaria, tanto para o 2025 como, especialmente, para este 2026. Dos dous millóns previstos, executouse o 60%, quedando 800.000 euros sen se ter executado no pasado exercicio pero que xa están en marcha no presente.

Para o presente ano, anunciou un investimento doutros 2 millóns de euros en asfaltados, que se destinarán “prácticamente ao 100% das peticións que tiñamos previstas por parte das visitas que fixemos aos núcleos de poboación”. A iso sumaranselle os 6,5 millóns de euros dos Fondos EDIL cos que se formigonarán cunetas para que se poida pasear por elas, ademais de colocar mobiliario.

Aproveitou a ocasión para referirse a unha das críticas que máis se lle fai ao seu goberno: a discriminación entre o rural e o urbano. “Aquí non hai cidadáns nin de primeiras nin de segundas, somos todos estradenses. Non hai cidadáns do rural nin do casco urbano, senón que somos privilexiados todos os que vivimos na Estrada”, dixo ao respecto Louzao.

Seguindo co rural, quixo salientar que A Estrada foi o concello con máis investimentos para locais sociais por parte da Xunta e da Deputación, con 800.000 euros. Para este ano prevé que a cifra ascenda ao millón de euros. Asemade, anunciou que a liña de axudas a eventos culturais no rural vaise incrementar 20.000 euros, ata chegar aos 120.000 euros.

Tamén mencionou as novas edicións de Un Cómico na Aldea, o remate da traída da auga do Umia ou o Obradoiro A Estrada Foresta 2026, que coidará os espazos públicos das parroquias.

“A Estrada das Oportunidades”

Lembrou o lema A Estrada das Oportunidades do que falou cando foi investido presidente do PP local. Ese lema baseaba as súas actuacións en tres eixos diferentes.

Un deles eran as comunicacións, referido á AG-59, que ten o primeiro treito pendente de rematar, segundo a Xunta polo mal tempo do inverno — e que fixon que os diferentes prazos de tempo restante ata a inauguración fosen variando dende o citado congreso do PP local –, e co segundo xa en execución. “Vainos dar moitas alegrías”, salientou Louzao, porque “vainos conectar e vainos facer competitivos”.

O rexedor dixo que, con ela, A Estrada vai ser “un concello dos privilexiados, dos que en dez minutos vai estar ao pé dun aeroporto, ao pé dunha estación de tren, ao pé dunha capital como é Santiago de Compostela”. Un dato que non é do todo certo, pois dez minutos é o tempo que vai levar ir dende O Rollo (Santa Cristina de Vea) ata a rotonda do Castiñeiriño, tal e como analizamos nun Xornal Semanal hai case un ano.

“Para min sería un fracaso como alcalde que, se teño o privilexio de traballar no que me gusta, nacín na Estrada e quero ter o meu futuro laboral e persoal na Estrada, non teña a oportunidade de facelo”, afirmou en referencia á ampliación do polígono de Toedo. Cos datos de reserva das novas parcelas, aínda que non os ofreceu pero que serían “importantes”, segundo Louzao, “pódese dicir que A Estrada interesa”.

O terceiro eixo das oportunidades era a vivenda. Nesa materia destaca as 28 vivendas públicas para as que xa comezou a licitación e que agarda que sexan máis. Asemade, destacou as vivendas sociais en Cora e o Portal Municipal de Vivenda, que dende xullo só anunciou dúas vivendas.

“Gobernar para as persoas”

En canto ás políticas destinadas a “gobernar para as persoas”, resaltou o novo plan de saúde local, a reforma do centro de saúde de Oca, o módulo de madeira do Losada, a reforma do Pérez Viondi – que esta semana recibirá a visita do conselleiro de Educación –, as melloras previstas para os pavillóns de Oca, Codeseda e Pérez Viondi, o servizo de expedición de DNI e o recentemente anunciado traslado da unidade de atención temperá ao antigo Xulgado Nº1. Unha obra que destacou foi a do novo xulgado, inaugurado en outubro con goteiras no seu interior.

En canto ao futuro, falou do novo edificio dos Servizos Sociais que se construirá no antigo INEM e da reforma da Casa da Música, onde se atopan o conservatorio, Radio Estrada e AEstradaDixital, que se farán cos fondos europeos.

En materia de medio ambiente, destacou a ampliación da EDAR de Aguións, a implantación do contedor marrón e o reparto de 100 composteiros no rural, a futura creación de illas de reciclaxe en cada parroquia — que servirá para que nun punto de referencia teñan todos os contedores, ademais dos diferentes contedores espallados polo territorio — ou a creación da Área Pasarela Xirimbao en Couso para aproveitar o potencial turístico que para o municipio brinda a singular ponte.

En canto á cultura, destacou a repercusión que teñen os Anos Culturais. En 2025 adicóuselle a Avelina Valladares e, este ano, a Virxinia Pereira. En materia deportiva reseñou a construción do módulo multideporte, que se inaugurará próximamente, a reforma do campo Manuel Regueiro, o cambio de tapete e iluminación no Novo Municipal, a reforma integral das piscinas municipais — e que rematou co tamaño do vaso principal reducido á metade — e a nova liña de subvencións deportivas, con 104.100 euros distribuídos entre 29 clubs e deportistas federados.

No relacionado co turismo mencionou a Ruta da Sidra que se vai sinalizar próximamente e que está pensada para facer en coche, a mellora do albergue de Sabucedo para “desetacionalizar a oferta turística” ou a futura dinamización da praia fluvial de Liñares, “a praia que temos”.

Concluiu falando da débeda da RPT que se saldou en 2025 tras varios anos pendente de pagarse, algo que levou que as arcas públicas tivesen que desembolsar 2,7 millóns de euros.

Imaxe de portada: Louzao co seu equipo de goberno // Concello da Estrada

Comentarios

Deixa unha resposta

Descubre máis desde Xornal da Estrada

Subscríbete agora para seguir lendo e obter acceso ao arquivo completo.

Seguir lendo