Publicidade

Falece Carlos Mella Villar, o estradense que foi vicepresidente da Xunta no goberno de Albor

Tiña 95 anos · Foi un destacado economista, político e escritor · O velorio é no tanatorio San Pelayo, ata as 15.00 horas deste mércores

A Estrada perde a un dos seus persoeiros ilustres. Carlos Mella Villar faleceu este martes aos 95 anos de idade. Economista, político e escritor, era natural do Foxo e entre 1983 e 1984 foi vicepresidente segundo para asuntos económicos no goberno de Xerardo Fernández Albor na Xunta.

Licenciado en Dereito pola Complutense de Madrid e en Ciencias Económicas na Sorbona de París, foi profesor de Economía Política na Complutense e director xeral de Política Financieira durante a transición.

Foi durante o ano que estivo no goberno da UCD en Galicia cando protagonizou algúns dos seus momentos máis recordados. En 1983 Xoán Carlos I decidiu que a ofrenda do apóstolo, en substitución súa, faríaa o delegado do Goberno, García Sabell, no canto do presidente da Xunta. Tras dicir en castelán ante os medios que o monarca estaba cometendo “unha grave ofensa a Galicia”, tal e como lembrou hai uns anos nunha entrevista en Luzes, aos dous días Xoán Carlos I anunciou que adiantaba o regreso da súa viaxe a Venezuela para facer el mesmo a ofrenda.

Nesa mesma entrevista, lembra como tras analizar exaustivamente os orzamentos do Estado, chegaron á conclusión “de que nos foderan 13.000 millóns de pesetas” e que, sendo Josep Borrell ministro, conseguiron que llos pagaran.

Tras dimitir do cargo porque o Goberno central non aceptou que a Xunta emitise débesa pública propia, integrouse en Coalición Galega, onde foi reelixido deputado. Rematou abandonando este partido e presentouse ás eleccións europeas de 1994 co BNG, que aínda que non conseguiu representación, si que tivo un incremento nos votos. Tras iso, abandonou a política e adicouse á cultura e á literatura, presidindo a Fundación Castelao, amais dun breve paso pola Asociación de Escritores en Lingua Galega. Publicou ensaios sociopolíticos e económicos como Memorias dun ninguén, A falacia do economicismo, A Galicia posible e Non somos inocentes.

A súa capela ardente atópase no Tanatorio San Pelayo da Estrada, onde se poderá velar ata as tres da tarde deste mércores. Posteriormente, será incinerado na intimidade familiar.

Imaxe de portada: Carlos Mella // AELG / Santos Díez

Comentarios

Deixa unha resposta

Descubre máis desde Xornal da Estrada

Subscríbete agora para seguir lendo e obter acceso ao arquivo completo.

Seguir lendo