Publicidade

Para que vai servir o Regulamento de Honras e Distincións que vai aprobar o Concello?

No pleno ordinario que se vai celebrar este xoves ás 20.30 horas o Concello vai aprobar o primeiro Regulamento de Honras e Distincións da Estrada. Este sae adiante para así poder completar o irmanamento entre os concellos de Rianxo e A Estrada con motivo do Ano Virxinia Pereira.

Ademais do propio expediente de Irmanamento, este regulamento recolle os diferentes títulos cos que se pode premiar, amais da declaración do loito oficial e a dedidación de lugares públicos a persoas físicas ou xurídicas.

Honras e distincións que se poderán entregar

  • Medalla do Concello da Estrada: outorgaráselle a aquelas persoas físicas ou entidades públicas ou privadas que destaquen polos seus merecementos ou a súa traxectoria no sector turístico, cultural, veciñal, artístico, musical, deportivo, empresarial, social, científico ou similares. É necesario que se aprobe mediante maioría absoluta no pleno.
    Con esta distinción, imponse unha medalla co escudo do Concello e entrégase un diploma, nun acto solemne e procurando que coincida coas festas patronais.
  • Título de Fillo/a predilecto/a: distingue a persoas, nacidas na Estrada ou cunha traxectoria vital que discorra maioritariamente no municipio, que destaquen polos seus méritos ou calidades persoais, especialmente nos ámbitos cultural, científico, social, artístico, deportivo, político ou económico, ou por servizos prestados en beneficio do municipio. Aprobación por acordo plenario e distinción coa entrega dun pin de solapa co escudo do Concello da Estrada e diploma.
  • Titulo de de fillo/a adoptivo/a: persoas que, sen naceren no municipio, manteñan vínculos especiais con el e que destaquen polos seus méritos ou calidades persoais, especialmente nos ámbitos cultural, científico, social, artístico, deportivo, político ou económico, ou por servizos prestados en beneficio do municipio. Aprobación por acordo plenario e distinción coa entrega dun pin de solapa co escudo do Concello da Estrada e diploma.
  • Salmón de Ouro: persoas ou entidades nas que concorra un mérito ou méritos nos eidos turístico, cultural, veciñal, artístico, musical, deportivo, empresarial, social, científico ou similares a prol do Concello da Estrada. Concesión por decreto de Alcaldía e correspondente coa entrega dun pin coa forma do salmón.
  • Título de Ilustre Visitante: destinado a persoeiros de especial relevancia que visiten A Estrada e sexan recibidos oficialmente polo Concello. Aprobación por decreto de Alcaldía e consistente na entrega dun pin de solapa co escudo da Estrada.
  • Méritos ao persoal traballador: Outorgado a aqueles traballadores municipais se xubilen ou cumpran 25 anos de servizo ao Concello da Estrada. Apróbase por decreto da Alcaldía e consistente na imposición dun pin de solapa, procurando coincida co brinde de Nadal.
  • Cronista oficial da Estrada: poderá darse este título a persoas que acreditaran un profundo coñecemento do pasado histórico da Estrada mediante publicacións científicas e actividades culturais relevantes. A aprobación require acordo plenario e un expediente informado polo departamento de Cultura. Consistirá na imposición dun pin do concello e diploma artístico co escudo municipal, buscando que a entrega coincida coa data das festas patronais.

Denominación de lugares públicos

O Regulamento de Honras e Distincións tamén recolle que será o pleno o encargado de aprobar que se outorgue o nome de persoas físicas, organismos, institucións e entidades que, a xuízo da corporación, reúnan méritos suficientes ás vías municipais, espazos ou instalacións públicas.

Loito oficial

En canto ao loito oficial, recóllese que se acordará mediante decreto da Alcaldía cando “circunstancias ou feitos de especial transcendencia así o requiran”. A súa delcaración implicará que as bandeiras ondeen a media hasta nos edificios municipais.

Imaxe de portada: sinatura do irmanamento de Rianxo e A Estrada, en xaneiro // Concello da Estrada

Comentarios

Deixa unha resposta

Descubre máis desde Xornal da Estrada

Subscríbete agora para seguir lendo e obter acceso ao arquivo completo.

Seguir lendo