O estradense EleDeLewis sacou este mércores o seu último tema, Inferno Vermello. Trátase do seu primeiro tema en galego e con el rinde tributo ao Estradense. A publicación prodúcese días antes de que os roxillos xoguen o último partido de liga, no que se decidirá se pasan a playoffs ou non.
O título desta canción é o sobrenome que recibe o Novo Municipal. Nos menos de tres minutos que dura fai referencias á historia do club, tanto pola equipación (vermello e branco), coma polo seu centenario ou as imaxes do último playoff de ascenso.
Na parte final deixa a música para falar en off. “O Estradense non é só un equipo. O Estradense é a nosa casa, a memoria dos que estiveron e a forza dos que están e o corazón dos que virán”, di.
Xornada clave
Como xa se avanzou, esta semana é decisiva para o equipo roxillo. O vindeiro domingo ás 18.00 horas reciben no Inferno Vermello o Barco. O seu resultado e os doutros equipos decidirán se xogan os playoffs ou non.
No caso de gañar teñen asegurado o posto en playoffs. Se empatan dependen de que se produza un empate no Villalbés-Lugo B e de que o Gran Peña, como moito, empate. No peor dos escenarios, que é o da derrota, dependerá de que o Somozas-Boiro non remate empatado, de que empaten o Villabes e o Lugo B e de que, como moito, o Gran Peña empate.
Ademais, coma nos últimos partidos que se xogaron no Novo Municipal, será o Día do Socio, polo que cada socio poderá levar gratis dous acompañantes.

Imaxe de portada: EleDeLewis no videoclip // Captura de pantalla


Deixa unha resposta