O proxecto Galicia Baleira chega á Estrada. Con el vanse rehabilitar vivendas deshabitadas ou abandonadas e poñeranse en réxime de aluguer con opción a compra para que sirvan de primeira vivenda. Así, servirán para “asentar poboación”, segundo Juan Carlos Castro, fundador e CEO deste proxecto.
A estas vivendas poderán optar, en primeiro lugar, familias que teñan fillos ou que os vaian ter. Tras eles irían as familias que “son do concello” ou que queren retornar a el. Xa nun terceiro eslabón atoparíanse as familias que queiran vir vivir á Estrada.
Na maioría de casos as vivendas poñeríanse no mercado en réxime de aluguer con opción a compra pasados uns anos. Os beneficios conseguidos mediante o aluguer empregaranse para cubrir os gastos e ofrecer un beneficio — que se detallará no contrato — a aqueles que participaron na adquisición das vivendas. No caso de vivendas con pouco gasto en rehabilitacion, poderían estar á venda de xeito directo se así se cubren todos os gastos e beneficios para inversores.
Polo de agora, na Estrada xa teñen 12 compromisos. As propiedades alugaranse e venderanse a prezo de mercado. As vivendas adquiriranse grazas a fondos de inversión “potentes” que chegan, incluso, dende outros países.
Castro pediu a colaboración do Concello para que aqueles interesados nas vivendas se poidan poñer en contacto con eles. Neste senso, a concelleira de Servizos Sociais, Amalia Goldar, confirmou que exercerán ese papel mais non intermediarán, pois é unha relación privada. Tamén sinalou que estas vivendas non están orientadas ás familias con menos recursos, pois seguen o prezo de mercado.
Enerxía propia
As vivendas que se reformen contarán con paneis fotovoltaicos, podendo conseguir así enerxía propia. O excedente de enerxía poderíase poñer á venda no mercado enerxético, conseguindo que os novos propietarios das vivendas consigan un beneficio.
“Estamos falando de que cada familia ao mes pode aforrar uns 150-200 euros”, sinalou Juan Carlos Castro. “150 ou 200 euros que, cando vas ao banco e analiza os teus ingresos para darche unha hipoteca, ese banco está contando con eses 200 euros a maiores para a túa letra. Entón, ao mellor, antes non podías chegar e grazas a este elemento si podes chegar”, engadiu.
Imaxe de portada: presentación do proxecto // Concello da Estrada


Deixa unha resposta