López Bueno tilda de “parche” os bacheos na rede municipal

López Bueno tilda de “parche” os bacheos na rede municipal

O voceiro do PSOE da Estrada, Luis López Bueno, criticou o plan de bacheos que está executando o Concello nas vías de titularidade municipal, sobre a que mostrou a súa preocupación. Engadiu que o Regulamento de Honras e Distincións que se vai aprobar no vindeiro pleno é “un capricho de Louzao para poder sacar máis fotiños”.

O socialista asegurou que a rede viaria municipal “está peor que nunca”, tanto no rural coma no casco urbano. Cualificou o actual plan de bacheos como “un parche que non vai superar a semana de choivas que temos por diante” e que está a deixar as pistas “peor do que estaban”.

“O goberno de Gonzalo Louzao aínda non foi capaz de poñer enriba da mesa un proxecto de reparación para os danos causados polas choivas dos primeiros meses do ano”, lamentou.

Regulamento de Honras e Distincións

Un dos asuntos que abordará o pleno do vindeiro xoves será a aprobación do primeiro Regulamento de Honras e Distincións do municipio. Con el poderase irmanar A Estrada con Rianxo, algo previsto para o Ano Virxinia Pereira. Servirá para dar amparo ao Salmón de Ouro que se entrega cada ano, así como as condicións para outorgar os títulos de fillos predilectos ou adoptivos da Estrada e a concesión da medalla do Concello. Tamén recolle a declaración de loito oficial e o recoñecemento de méritos ao persoal municipal.

López Bueno asegurou que este regulamento é “un capricho de Gonzalo para poder sacar máis fotiños con Ilustres Visitantes, por exemplo”. Opinou que “as prioridades políticas do goberno de Gonzalo están moi claras. É un escándalo que o alcalde lle atenda a este tipo de cousas mentres os asuntos serios empeoran día a día, só hai que ver a lista de espera do SAF ou o servizo de recollida de lixo”.

Imaxe de portada: desperfectos nun camiño de Nigoi por mor dos temporais // cedida

Comentarios

Deixa unha resposta

Descubre máis desde Xornal da Estrada

Subscríbete agora para seguir lendo e obter acceso ao arquivo completo.

Seguir lendo