Publicidade

“A relación coa xuventude está rota, o Concello fai cousas pero non chegan á mocidade”

Cada 12 de agosto celébrase o Día Mundial da Xuventude. Con motivo desa xornada, analizamos a situación tanto a nivel xeral coma local con Laura Piso, da asociación Imaxina e Axuda. Ela vén de rematar o proxecto Actuación Xove, que serviu para analizar a situación da poboación nova do concello.

A primeira impresión que ofrece Piso é positiva. Segundo di, a situación na que se atopa a xuventude é “mellor ca noutros anos. Actuación Xove naceu coma un postproxecto de Encontro Mozo e ahí si que a resposta fora negativa” e non podían acceder aos institutos a dar charlas. “Aquí si que puidemos contactar de forma directa e comprobar que pasaba”, comenta.

Nunha época na que a xuventude teno máis complicado, Laura Piso cre que é quen de ter proxectos de vida. “Creo que hai un punto de vista moi negativo, é dicir, de ‘estou traballando, estou estudando e non vexo unha meta cercana’”, di. Móstase optimista con que, con algo máis de traballo ca seus pais poderá mercar a casa que quere. “Tamén penso que as redes sociais non axudan. O tema dos influencers que gravan vídeos e mercan unha casa ‘sen traballar’ ou traballando menos danlle unha mensaxe negativa á xuventude”, engade.

“Penso que se eu digo algo negativo escóitase un montón, pero cando facemos accións iso nunca se valora”

Laura Piso, Imaxina e Axuda

Uns dos discursos que gañou peso nos últimos tempos sobre a xuventude foi que “non quere traballar”. Sen embargo, Piso asegura que iso non é certo. “Eu penso que se eu digo algo negativo escóitase un montón, pero cando facemos accións iso nunca se valora. É algo que pode pasar en todos os ámbitos, pero sempre se pon o foco no negativo. Hai moitos que estudan, traballan e fan varias cousas á vez e é como ‘vale, son dous puntuais’ e non, eu coñezo moitísima xente que o fai, hai máis xente que fan as dúas cousas ca xente que non fai nada”, afirma.

Máis ca unha xeración de cristal, a presidenta de Imaxina e Axuda di que son “unha xeración reivindicativa. É unha xeración que loita polos seus propios dereitos pero tamén polos dos demais”, poñendo como exemplo a “defensa de Palestina”, os animais ou as persoas en risco de exclusión.

“Só se nos ten en conta se nos movemos nós”

Laura Piso, Imaxina e Axuda

Sobre se se ten en conta á xuventude, asegura que “non tanto como se debería. Eu creo que, para empezar, ténsenos en conta a partir dos 18, cando xa temos capacidade de razoamento a partir dos 14 que, aínda que non estea moi formado, hai xente con 14 anos que lle dá mil voltas a moitos de 50 debatendo. Tamén se mete moito o tema de eres adulto funcional cando tes os 18 e podes votar pero hai xente de 16 que xa fai moitas cousas, que xa ten asociacións, que participa en proxectos…. Entón, eu creo que só se nos ten en conta se nos movemos nós. Se eu vou ao Concello a que me escoiten ou se eu falo co meu profesor para facer X, si, pero non veñen a ti e che pregunta de forma directa”.

Xuventude na Estrada

Sobre a situación da xuventude na Estrada, di que é “perdida”. Di que nas súas charlas no IES Manuel García Barros, nas que falaron das iniciativas que fai o Concello, a relación “está rota, o Concello fai cousas pero non chegan á mocidade”, polo que “hai que arranxar iso para ver como conectamos”, asegura, poñendo coma unha posible solución o informar das actividades que organiza o Concello nos centros educativos. “A xuventude da Estrada ten moito potencial pero non se explota ou non se lles dan as ferramentas”, afirma.

“A relación coa xuventude está rota, o Concello fai cousas pero non chegan á mocidade”

Laura Piso, Imaxina e Axuda

Comenta que é necesario que as institucións se reúnan coa xuventude. Como anécdota, engade o caso duns rapaces da mesma clase que, grazas a unha das dinámicas que fixeron no instituto, comezaron a crear unha asociación de BMX. Aínda así, incide en que existen problemas de “recursos e desprazamentos”, especialmente porque no caso dos mozos e mozas sen coche dependen de autobuses para poder ir a Santiago e, no caso do rural, de seus pais para poder participar nalgunhas actividades que se fagan na vila. Por iso, aposta pola creación dunha Casa da Xuventude.

Sinala que falta educación na sexualidade. “Falámolo cos mestres, que é un tema moi polémico. Eles fan obradoiros de sexualidade, que é sexualidade, non sexo, porque a sexualidade abrangue moitas cousas máis”, coma o consentimento ou a interacción e a comunicación sá con outra persoa. “Unha parte dos problemas vén da parte adulta, porque nos institutos dan charlas de sexualidade e os pais véñense a queixar. Entón, os adolescentes interpretan iso coma un tabú e logo vén o descoñecemento” con consecuencias como o “aumento de ETS (Enfermidades de Transmisión Sexual), agresións…”. “Ao mellor, cando lles dis ‘isto faise así’, cambia”, sinala.

“Nos institutos dan charlas de sexualidade e os pais véñense a queixar. Entón, os adolescentes interpretan iso coma un tabú e logo vén o descoñecemento”

Laura Piso, Imaxina e Axuda

Na atención á diversidade, pon sobre a mesa o problema que supoñen as ratios altas e a falta de persoal. Engade a falta de material adaptado. “Hai centros que teñen ascensor pero non teñen mesas adaptadas, non teñen material…”, comenta.

Sobre o Café Diálogo, un encontro que organizaron entre xuventude e politicos, di que “sentoulle súperben aos rapaces, porque estivemos falando con eles, redactando propostas de melloras, eles dicíannos ‘isto é viable, isto non’”. “Cando eles marcharon, os rapaces dicíanme que estivo ben e, ademais, é entretido”, asegurou. Engade que no encontro viuse que os políticos teñen interese en solucionar os problemas da xuventude.

Imaxe de portada: Laura Piso, durante a entrevista // Xornal da Estrada

Comentarios

Deixa unha resposta

Descubre máis desde Xornal da Estrada

Subscríbete agora para seguir lendo e obter acceso ao arquivo completo.

Seguir lendo