Publicidade

Rueda pide dende A Estrada que se planifiquen “con tempo” os desprazamentos pola eclipse

Achegouse ata o Cecopi da eclipse, que se centraliza na sede do 112

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, achegáronse na mañá deste mércores á sede do 112 na Estrada, onde se atopa o Centro de Coordinación Operativa Integrado (Cecopi) pola eclipse. Dende alí, destacaron os preparativos que fixeron e lanzaron unha serie de consellos á cidadanía.

Rueda subliñou a coordinación existente entre Xunta e Goberno de España para que “todo estea preparado e que todo o mundo poida desfrutar”. Pediu á cidadanía que “se planifique o desprazamento con tempo” e “que non se agarde a última hora para achegarse ás zonas onde se ten previsto ver a eclipse”. Ademais, lembrou a importancia de informarse só por canles oficiais.

Pola súa banda, Diego Calvo destacou que vai ser “un día histórico”. Subliñou que esta xornada permitirá “promocionar” Galicia posto que será “un dos lugares máis privilexiados de España para poder vela”.

A sede do Cecopi, na Estrada

O pasado venres activouse o Plan Territorial de Emerxencais de Galicia (Platerga) Nivel 2 e constituíuse o Cecopi. O seguemento da situación ata a normalización da mobilidade das estradas despois da eclipse seguirase dende a sede do 112, lugar escollido para acoller o Cecopi.

Dende alí están a seguir en tempo real a mobilidade, afluencia, risco de incendio e calquera incidencia relacionada con este evento astronómico. A Xunta reforzou o 112, os servizos sanitarios do 061, o transporte e a vixilancia no litoral e nos montes.

Recomendacións á cidadanía

Amais da recomendación de planificar a viaxe con tempo, dende a Xunta de Galicia piden que se sigan as instruccións das forzas e corpos de seguridade, escoller puntos habilitados e evitar cantís, noiros inestables e zonas de risco. Subliñan que, no eido da mobilidade, o mellor é vela dende preto da casa e que só se pode aparcar en zonas permitidas. Piden deixar libres os accesos de emerxencias, usar as gafas homologadas, respectar o medio e ter precaución polo risco de incendio.

Imaxe de portada: Rueda comparecendo dende o Cecopi // Xunta

Comentarios

Deixa unha resposta

Descubre máis desde Xornal da Estrada

Subscríbete agora para seguir lendo e obter acceso ao arquivo completo.

Seguir lendo