Publicidade

Declarada a alerta por seca na Estrada e en Forcarei

A Xunta de Galicia declarou este martes a alerta por seca na Estrada e Forcarei, xunto a outros 30 concellos de Galicia. Unha medida que chega por mor do pronunciado descenso da caída do caudal do río Lérez. En Forcarei xa se levan producindo cortes de auga varios días e tomáranse medidas contra o seu malgasto. No caso da Estrada, Gonzalo Louzao xa advertira de que se podería ter que tomar medidas.

Na reunión da Oficina Técnica da Seca, celebrada na mañá deste martes, decretouse a alerta por seca nos sistemas do Lérez — ao que pertencen A Estrada e, especialmente, Forcarei –. Tívose en conta a evolución dos caudais, os datos meteorolóxicos do mes de xullo e as previsións para as vindeiras semanas.

A declaración da alerta por seca implica que se prohíben os usos prescindibles como o baldeo de rúas, o enchido de piscinas ou a rega de xardíns. Asemade, no caso de ser preciso, faríanse cortes de auga puntuais.

Esta situación é a segunda máis grave. No caso de seguir empeorando poderíase decretar a emerxencia por seca. Cómpre lembrar que hai un mes decretouse a prealerta por seca nas mesmas zonas nas que se vén de decretar a alerta.

Restricións en Forcarei

No Concello de Forcarei levan dende o pasado xoves 6 tomando medidas pola escaseza de auga. Dende ese día restrinxiron o uso da auga da rede municipal para os usos non domésticos, tales como o rego de fincas e xardíns, lavado de vehículos, enchido de piscinas e outros usos non ensenciais. Amais, ampliaban estas recomendacións ao consumo de auga procedente de pozos.

Do mesmo xeito, dende ese día estase cortando a subministración no lugar do Cachafeiro dende as 23.00 ata as 8.00 horas para poder garantila durante o día.

Aviso de Louzao

“Vai haber restriccións de auga como sigamos así”. Esta era a advertencia que lanzaba o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, o xoves 6 no pleno. Facíao durante a resposta ao voceiro do PSOE, Luis López Bueno, en relación á reforma das comportas da praia fluvial.

O socialista alertara de que, un mes despois de terse finalizado, o nivel da auga aínda non chegara ao habitual cando se encora. O rexedor sinalaba entón que estaba a ser un ano moi seco e que, por iso, o nivel do río estaba máis baixo, ademais de lanzar esa advertencia.

En relación a iso, a voceira de Móvete, Mar Blanco Casais, cuestionou sobre a posibilidade de que se tomen medidas para reducir o consumo de auga, aínda que “non fose necesario”. Ademais, pediu buscar medidas de aproveitamento da auga dos invernos.

Louzao respondeulle que, cando o Umia baixa de nivel, á traída tamén vai parar a auga almacenada no inverno no Encoro de Pedroso. A ela súmaselle a de dous mananciais.

Imaxe de portada: piscinas municipais da Estrada // Concello da Estrada

Comentarios

Deixa unha resposta

Descubre máis desde Xornal da Estrada

Subscríbete agora para seguir lendo e obter acceso ao arquivo completo.

Seguir lendo