O candidato á Alcaldía do BNG, Marcos Borrageros, pediu explicacións en relación á situación na que se atopa o punto limpo e as melloras que se anunciaron. Sinala que existe unha “campaña de propaganda permanente” por parte do Partido Popular.
Lembrou que falta auga corrente neste espazo. Iso, di Borrageros, suscinta preguntas sobre as condicións de traballo e hixiene e sobre a capacidade de poder responder ante unha incidencia ou un incendio. Por iso, pide que se explique se o punto limpo cumpre as condicións técnicas e de seguridade, así como cales son os sistemas de prevención e extinción de incendios cos que conta. Engaden a situación dos traballadores, que prestan servizo sen contar con auga corrente.
“Antes dunha nova fotografía ou dunha nova nota de prensa falando das bondades da xestión municipal, estaría ben resolver cuestións bastante máis elementais. Un Punto Limpo necesita mantemento, medios, condicións dignas para os seus traballadores e unha xestión correcta os 365 días do ano”, di Borrageros.
Tamén se centrou no anuncio de melloras. Aclara que “non cuestionamos que se fagan melloras, faltaría máis”, senón que “cada pequena actuación se presente como unha mostra dunha xestión extraordinaria” cando a realidade sería “bastante diferente”.
Lembrou as queixas por deficiencias no seu funcionamento e a acumulación de residuos no seu exterior. “Se o Punto Limpo está tan ben xestionado como nos contan, por que foi necesario limpar e retirar os residuos acumulados no exterior precisamente na véspera da visita da conselleira?”, preguntou Borregeros. “Se hai que preparar o escenario antes dunha visita institucional, quizais a fotografía que se pretende ofrecer non coincide exactamente coa realidade que atopan os usuarios calquera outro día”, lamentou
Louzao xa se pronunciara ao respecto
Cómpre sinalar que estas declaracións chegan despois de que no pleno do mes de agosto, celebrado o xoves 6, o voceiro dos nacionalistas, Xoán Reices, xa preguntara ao respecto.
Daquela, o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, recoñecera que “xa non sabemos como chegar á xente” en relación ao funcionamento do punto limpo. Asociou parte do lixo acumulado nos exteriores a “prácticas ilegais” e ás persoas que recollen chatarra. “De vez en cando os operarios municipais recollen ese lixo”, asegurou o rexedor.
Imaxe de portada: visita de Ángeles Vázquez ao punto limpo da Estrada, o 9 de xullo de 2026 // Concello da Estrada


Deixa unha resposta