Na mañá deste xoves o Concello da Estrada acollía unha comparecencia do alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, e da conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez. Nela anunciouse que A Estrada foi o concello de Galicia que se presentou en solitario que máis fondos recibe das axudas para a mellora da xestión dos residuos e os usos que terá.
Concretamente, A Estrada só quedou por detrás do Consorcio da Mariña que, ao ser un consorcio, puido optar a máis financiamento. Recibirá 240.000 euros que se destinarán á mellora da recollida separada de biorresiduos, á incorporación dun vehículo para a recollida de biorresiduos, á mellora do punto limpo e á adquisición dun punto limpo móbil.
No apartado de mellora da recollida separada dos biorresiduos, destinaranse 18.000 euros a unha campaña específica de información, comunicación e sensibilización. Traballarase “de maneira diferenciada”, segundo dixo Louzao, “cos grandes produtores, coas vivendas do casco urbano e tamén coas vivendas do rural”.

Á incorporación do novo vehículo destinarase a metade da axuda, é dicir, 120.000 euros. O punto limpo móbil, que suporá un gasto de 15.000 euros, empregarase para a recollida de residuos especiais como aparellos eléctricos e electrónicos, voluminosos, téxtiles, aceites usados e residuos domésticos perigosos. Segundo dixo Louzao, poderíase empregar para a recollida de residuos en diferentes puntos da xeografía estradense, así como para campañas nos colexios.
Os 80.000 euros restantes empregaranse para o financiamento da práctica totalidade da mellora do punto limpo de Penerada (Ouzande). En total, a obra custará 95.000 euros e “permitirá ofrecer unhas instalacións máis modernas, máis accesibles e mellor adaptadas ás necesidades actuais”.
A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, lembrou a importancia de reciclar e de tirar o lixo onde corresponde. Sinalou que verter o lixo no contedor incorrecto remata repercutindo nas arcas municipais e, consecuentemente, nos petos dos cidadáns.
Exemplificou a necesidade das campañas de concienciación co caso dos xoguetes de plástico, que non se poden tirar ao contedor amarelo.

Imaxe de portada: encontro cos alcaldes de barrio // Xornal da Estrada


Deixa unha resposta