Tequexetéldere e o Grupo Coros y Danzas Villa de Leganés encherán de música o Teatro Principal durante o Feltival Folklórico do Salmón, que se celebrará o 16 de maio ás 19.30 horas. Os estradenses darán mostra dun repertorio de cancións e bailes tradicionais de Galicia, mentres que os madrileños farán o propio cos de Estremadura.
Dende Tequexetéldere, Jose Garrido, explicou como vai ser o festival, de 70 minutos de duración. Estará dividido en dúas partes, comezando cun bloque de cinco bailes por parte de Tequexetéldere. Tras iso, o Grupo Coros y Danzas Villa de Leganés interpretará as súas primeiras cancións.
Antes de comezar a segunda parte, serán os máis pequenos de Tequexetéldere os que collerán o testigo, cun repertorio de 5 bailes que prepararon ao longo do curso. Xa no segundo pase, abrirán os de Leganés, pechando os anfitrións cun bloque de catro bailes.
Tequexetéldere representará carballesas, maneos, xotas e muiñeiras, mentres que o Grupo Coros y Danzas Villa de Leganés deleitará o público con fandangos, rondeñas, boleros, xotas e seguidillas. As entradas pódense adquirir no Departamento de Cultura do Concello.
O Grupo Coros y Danzas Villa de Leganés ten a súa orixe na Casa de Estremadura en 1982, por iso interpretarán pezas típicas desa terra. Aínda así, abríronse a bailes tradicionais doutras zonas, sendo quen de representar bailes canarios, andaluces, madrileños ou segovianos.
A 3 meses de Lorient
Este ano Tequexetéldere actúa coa ollada posta nos meses de verán, posto que participará durante case dúas semanas no Festival Interceltique de Lorient, en Francia. Entre o Festival Folklórico do Salmón e a Rapa das Bestas terán varias actuacións que servirán de preparación para estas xornadas en terras galas.
Tequexetéldere representará a Galicia en Lorient (Francia)
É o festival máis importante do mundo celta
Imaxe de portada: Jose Garrido e Lucía Seoane, durante a presentación do festival // Concello da Estrada


Deixa unha resposta