O Concello atende á petición da Rapa das Bestas · Unha vez colocada será restaurada
O concelleiro Óscar Durán desvelou este luns que a estatua da Rapa das Bestas será trasladada a Sabucedo, cumprindo así a solicitude da Asociación Rapa das Bestas. A pretensión inicial é colocala no cruce da EP-7101 (A Portela, Codeseda – Cerdedo) co camiño que leva ao Teleclub. Unha vez estea colocada terá que ser restaurada, pois sufriu danos mentres era retirada.
A ubicación elixiuse tendo en conta o parecer da asociación organizadora da Rapa das Bestas. O punto exacto non puido ser definido porque alí está previsto que a Deputación faga unhas obras de accesibilidade na EP-7101 que conlevan a colocación dunha marquesiña nesa zona.
En canto aos prazos, Durán sinalou que primeiro serán as obras provinciais. Cando rematen, colocarase unha base sobre a que se asentarán os dous garañóns. Dende a asociación recoñeceron que non “hai urxencia” para que se faga, pois este ano xa tiveron a boa nova do mural da Rapa feito por Pablo Loyola na Rúa 56, algo que “gustou moito”.
Desperfectos na escultura
O Concello púxose en contacto co autor da obra, Manuel Campos Vilaverde, porque a escultura sufriu danos nunha das patas cando estaba sendo retirada da Farola. Vilaverde prefiriu agardar ata que estea na súa ubicación definitiva para restaurala in situ.
Non é a primeira vez que ten que ser restaurada. En varias ocasións esta escultura foi vítima de actos vandálicos que implicaron que se tivese que repoñer a cola e as orellas dos garañóns.
Ía ser un agasallo, pero quedou na Estrada
Esta escultura plantexouse no ano 2000 como un agasallo ao municipio gaditano de San Fernando. Íase entregar no marco dunhas xornadas tendentes a formalizar un proceso de irmanamento. Finalmente, no 2001 decidiuse que quedase na Estrada, en concreto na intersección das rúas 56 e San Paio.
No proxecto de reforma da Farola contemplábase que a escultura mantivese a súa ubicación. Iso rematou por non acontecer debido á petición da Rapa das Bestas.
Imaxe de portada: Escultura da Rapa das Bestas de Vilaverde // Google Street View


Deixa unha resposta